A Concellería de Xuventude de Vilagarcía está a argallar unha iniciativa para formar á veciñanza en novidades tecnolóxicas, poñendo en marcha un obradoiro que funcione, virtual e literalmente, coma un actualizador de coñecementos e habilidades. Trátase do obradoiro APPtualízate, destinado a persoas de entre 18 e 35 anos e entre cuxos eixos temáticos principais atópase o deseño e desenvolvemento de aplicacións móbiles. A razón disto? Segundo informa a Concellería, é un feito que está fóra de dúbida a demanda crecente arredor de profesionais con formación na construción de apps, sendo hoxe por hoxe un importante nicho laboral en fase de proxección.
O curso é de balde e os interesados poden inscribirse ata o 28 de abril nas dependencias da Concellería de Xuventude (as prazas son limitadas). O obradoiro contará con 25 horas lectivas e impartirase durante 5 xornadas (os días 3, 4, 5, 11 e 12 de maio) en horario de 9 a 14 horas na aula CeMIT do centro de formación da rúa Matosinhos. As sesións correrán a cargo de monitores da Asociación Socioeducativa e Cultural O Núcleo.
Segundo engade o Concello, a través da iniciativa APPtualízate! o alumnado ampliará os seus coñecementos específicos no manexo de diferentes ferramentas informáticas moi utilizadas actualmente. Ademais, explican os organizadores do obradoiro, non será preciso contar con formación específica previa para poder asistir, “xa que o curso está dirixido a persoas con nivel básico de coñecementos informáticos”. Ademais, os contidos prácticos primarán sobre os teóricos.
A principal temática a abordar será como dixemos o deseño de aplicacións móbiles, aínda que tamén se tocará o tema de programación robótica, realidade virtual e aumentada e modelado e impresión 3D.
Para a realización deste curso en concreto, o departamento que dirixe Sonia Outón, solicitou unha subvención a través do Plan Concello 2017 da Deputación Provincial.
Vilagarcía forma en aplicacións móbiles á súa mocidade
Compartir Este Artigo

