O Concello da Coruña vén de pór en marcha unha nova web dirixida a facilitar as consultas da veciñanza en materia de proxectos orixinados en colaboración, precisamente, coa propia veciñanza. A páxina, que nun plano máis concreto achega datos directos sobre o estado de evolución e execución das propostas finalistas dos Orzamentos Participativos (OP), está dispoñible en www.aportaaberta.coruna.es. As propostas finalistas das que se pode obter información son 21. Os OP da Coruña, como lembraremos, é unha iniciativa posta en marcha o ano pasado co obxectivo que a veciñanza poida decidir o destino dunha parte do capítulo de investimentos dos presupostos municipais. Ou sexa, que do que se trata é de facer que os cidadáns tamén sexan xestores da evolución da súa contorna. Agora, con esta nova web, permíteselles estar informados ao detalle dese seu labor.
As propostas están artelladas en varios eixos comúns, como son as melloras na vida da veciñanza a través das tecnoloxías, as intervencións en espazos públicos ou a naturalización de zonas verdes. A edil de Participación e Innovación Cidadá, Claudia Delso, fixo saber que a creación dunha aplicación de incidencias, a xestión a través do móbil da tarxeta Millenium, ou melloras nas liñas do transporte urbano foron as tres primeiras propostas máis votadas no pasado proceso de Orzamentos Participativos. Tamén informou que de entre as 21 iniciativas, a creación dun parque biosaudable na praza de Pablo Iglesias no Castrillón é a que se atopa en estado máis avanzado de execución.
A Coruña pon en marcha unha web para que a cidadanía saiba da evolución das súas propostas
Compartir Este Artigo

