Este 4 de maio arrinca formalmente o programa formativo AceleraTIC+. Trátase, como lembraremos, dunha completa serie de actividades dirixidas a capacitar dixitalmente ás nosas PEME, microPEME, autónomos e profesionais. E non só para capacitalas, senón para introducir e integrar no seu día a día os hábitos e metodoloxías TIC máis avanzadas. O programa, centralizado a través do Centro Demostrador TIC, arrinca hoxe con accións directas para dúas ducias de empresas de diversos sectores: turismo, construción, saúde, educación, enerxía, industria química, actividades administrativas ou pequeno comercio. Segundo informa a axencia AMTEGA, organizadora de AceleraTIC+, este programa bota a camiñar co mellor dos agoiros. De feito, a demanda de solicitudes para participar nel triplicou as prazas ofertas. “Isto amosa o interese das PEME galegas por recibir este formación especializada”, engade AMTEGA.
Como lembraremos, AceleraTIC+ é a continuación do AceleraTIC, celebrado en 2016 tamén en colaboración coa IESIDE-Escola de Negocios Afundación. AceleraTIC+ busca “contribuír á creación dun perfil directivo que manexe o dixital dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que adquira as habilidades necesarias para entender o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital”.
O programa estrutúrase en seis sesións formativas, de sete horas de duración cada unha, centradas en diferentes aspectos da transformación dixital e que se impartirán na sala 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura. As actividades comezan hoxe e desenvolveranse ao longo deste mes e do de xuño co seguinte roteiro:
· Xoves 11 de maio. Novas canles de comunicación coa clientela. Mercadotecnia ixital e redes sociais. Javier Varela.
· Xoves 18 de maio. Estratexia de dixitalización da canle de vendas. O comercio electrónico como unha alternativa estratéxica. Carlos Otero.
· Xoves 25 de maio. Posicionamento en Internet: SEO – SEM. José Alcañiz.
· Xoves 1 de xuño. Ferramentas de medición e análise – Obradoiro de Google Analytics. Fernando Gómez.
· Mércores 7 de xuño. Modelos organizativos e visión dixital. Transformación e xestión do cambio na organización. Pablo Castejón.
O xoves 8 e o venres 9 de xuño haberá dúas xornadas de asesoramento e consultoría personalizada.

