Finalmente foron superadas as expectativas dos organizadores da xuntanza Technium Lan Party #ICC 2017 que se está a celebrar ata o domingo no Pavillón de Deportes do Campus de Ourense no marco (este ano) da ICC Week 2017 (o programa das industrias culturais argallado pola Deputación de Ourense). En termos de asistencia, o encontro conta arestora con 512 postos ocupados. Ao seu dispor, teñen unha conexión dun xigabyte (GB) simétrico. A edición 2017 da Technium, organizada cada ano pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Vicerreitoría do Campus, promete ser a máis concorrida e mediática das convocatorias celebradas ata o de agora. De feito, pasouse dos 320 postos aos 512. Son participantes procedentes sobre todo das nosas catro provinciais pero tamén de alén da nosa terra. A idade media dos mesmos sitúase entre os 18 a 25 anos.
Coma en anos anteriores, a actividade na quedada desenvólvese de xeito ininterrompido ao longo das 24 horas dos días de celebración (dende onte ata o domingo), subministrándose zonas de descanso, de lecer e recreo con diferentes actividades. As persoas que se achegan cos seus computadores a participaren na xuntanza dispoñen de conexión de fibra óptica de altas prestacións, dun xigabyte simétrico, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e Internet.
Co obxectivo de “dinamizar a actividade da Technium e o contacto entre os asistentes”, a organización da cita organiza ao longo da fin de semana diferentes torneos, concursos e charlas cun carácter “fundamentalmente de diversión”, aínda que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. Os torneos abranguen boa parte dos xogos e deportes electrónicos máis populares na actualidade, incluíndo competicións de League of Legends, Counter Strike, Fifa 17, Overwatch, Super Smash Bros, Clash Royale e Hearthstone. Tamén haberá os xa tradicionais concursos de lanzamento de CD e Trivial e charlas de hacking ético, League of Legends e Clash Royale como deporte electrónico.
Máis de medio milleiro de mozos e mozas participan arestora na Technium Lan Party de Ourense
Compartir Este Artigo

