
Asemade, na xuntanza procedeuse á renovación dos dous patróns expertos no sector. Tomaron posesión o cineasta Ángel de la Cruz, gañador de tres premios Goya, e o comunicador Fidel Fernán en substitución do director Jorge Coira e o músico Arturo Vaquero. Darío Campos agradeceu o traballo e a implicación de Coira e Vaquero, e gabou a traxectoria dos dous novos patróns, “ambos cunha ampla e recoñecida traxectoria no mundo audiovisual”. E engadiu: “Para nós é unha honra que formen parte do noso padroado profesionais do nivel destes catro especialistas”.
Entre os fitos de 2016 compendiados pola devandita memoria figura por exemplo o carácter social e aberto da Fundación TIC en materia formativa, que, segundo se sinala, foi quen de manter a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son “por noveno ano consecutivo”. No que se refire á formación do alumnado da EIS, fíxose especial fincapé “naquelas actuacións que proporcionan aos estudantes unha preparación en escenarios reais de cara a súa inserción laboral”. Algunha das actividades organizadas polos alumnos tiveron en palabras da entidade provincial “unha destacada repercusión”, como En Camiño contra a Violencia Machista, unha marcha “na que participaron centos de lucenses”, apuntou o presidente da TIC.
Polo que respecta ao labor a prol das organizacións sen arela de lucro, o ano 2016 foi un ano de intensa actividade. En termos concretos, mantivéronse convenios con 167 entidades sociais de diversa índole. Entre as incorporacións áchanse Anasbabi Ciclopatías e Asociación Cultural Amigos do Folión. Ademais, elaboráronse reportaxes, DVD e vídeos promocionais para contribuír a dar maior difusión a todo tipo de causas sociais, como por exemplo a loita contra doenzas. Entre os documentais destaca o primeiro feito sobre o escritor Avelino Díaz.
No que atinxe ao labor desenvolvido na contorna dos maiores, en 2016 participaron más de 1.500 usuarios nas actividades organizadas polo InLugo da TIC, e o número de solicitudes para os cursos con inscrición triplicou ao de prazas. En concreto, houbo 2.486 solicitudes para as 896 prazas dos 69 cursos que se impartiron na sede da entidade. Ademais destes obradoiros, destacaron outros dous programas: o banco de recordos Memoria Dixital e NutreTIC. Nesta liña a Deputación tamén salienta o grande éxito das xornadas de NadalTIC, o Día Internacional de Internet e o Día Internacional das Persoas Maiores.
No capítulo de promoción da provincia, a Deputación salienta a colaboración con todos os concellos lucenses coa difusión de actividades que organizan ou apoian e que contribúen á dinamización do rural. Este ámbito de traballo deu como resultado centos de produtos audiovisuais, entre outros, das festas do Viño de Quiroga, da Androia de Navia ou do Mel de Muras. Tamén de feiras como a de Artesanía e Antigüidades da Pontenova ou As San Lucas de Mondoñedo; e citas etnográficas como o Entroido Ribeirao de Chantada, a Queima das Fachas de Taboada e a Pisa da Castaña no Courel.
Por outra banda, a TIC impulsou en 2016 o traballo desenvolvido a través da Lugo Film Commission, no que destacou o asesoramento na busca de localizacións, a tramitación de permisos de rodaxe e o apoio loxístico en producións como a rodaxe en Ribadeo da película portuguesa Bad Investigate.
Ademais do devandito, no informe figura o “importante esforzo inversor” na modernización de equipamentos na EIS e no CPP para que, tanto os profesionais como o alumnado, “estiveran á ultima en tecnoloxía”. Esta renovación supón entre outras cousas o paso do HD ao 4k e, polo tanto, “unha mellora na calidade das imaxes”.
Novos patróns: recoñecida traxectoria

Pola súa banda, Fidel Fernán, natural de Cospeito, ten unha dilatada traxectoria vinculada ao mundo da comunicación. Primeiro na Cadena Ser en Madrid e despois en Radio Lugo. Máis tarde conduciu diversos programas en TVE, TVG e RNE. En 1991 promoveu as emisoras Radio Principal en Monforte e Vilalba, e catro anos despois, TV7. Nos 90 presentou programas de grande éxito na TVG como Arestora ou Galeguidade.

