A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vai formar ás empresas en xestión de redes sociais. Para acadalo, impulsará a finas de mes un curso específico sobre comunidades dixitais que lles valerá aos participantes a meterse na pel dun community manager (o profesional que constrúe, xestiona e administra colectividades en liña arredor dunha marca ou unha temática específica en Internet) e a tirar proveito da presenza da súa empresa nas redes sociais e, tamén, da información e a comunicación alí xeradas. O director do Instituto de Medios Sociais e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Sixto García, será o encargado de impartir o curso.
Este obradoiro levarase a cabo entre o 29 de maio e o 8 de xuño baixo o epígrafe Redes sociais para xestión da miña marca persoal e empresarial. Celebrarase nas aulas de formación da Cámara en horario de 19:00 a 21:00 horas.
Os asistentes ao curso comprenderán as características da web 2.0 e aprenderán a aproveitar as súas potencialidades para a súa propia empresa. Ademais, a formación amosará como crear sinerxías empresariais mediante os recursos 2.0 e o seu axeitado emprego identificando as opcións comunicativas e de mercadotecnia que ofrecen os medios sociais para achegar a clientes e provedores, mellorando o feedback e a rendibilidade social.
José Sixto destaca que “esta formación axudará a que os alumnos entendan o fenómeno da viralidade en Internet e o saiban aproveitar para mellorar os seus obxectivos empresariais”. Outra finalidade básica do curso será “aprender a xestionar as redes sociais desde a óptica empresarial, discernindo entre comportamentos persoais e de empresa e comprendendo todos os recursos dispoñibles tanto de participación como de mecanismos publicitarios”, explica o profesor, engadindo que “os empresarios analizarán as funcións dun community manager e valorarán a súa importancia no organigrama empresarial”.
Ademais, poderán elaborar un plan de medios sociais no que se materialicen estratexias de consecución de propósitos en política comunicativa, cunha definición da marca empresarial ou persoal a través dun sitio web e das redes sociais, sendo quen de ver alén de Facebook, Instagram e Twitter.
Outra das finalidades do curso é que os participantes “interioricen as canles comunicativas bidireccionais sustentadas nunha política de xestión personalizada e individualizada mediante técnicas de mercadotecnia de relacións one to one”.
As empresas de Santiago e contorna aprenderán a meterse na pel dun community manager
Compartir Este Artigo

