Sabíamos que o galego e o resto das linguas son boas para as redes sociais, porque acrecentan a riqueza cultural das mesmas e dinamizan a comunicación, amais de asegurar a concorrencia de todo tipo de internautas, pero son boas as redes sociais para o galego e o resto das linguas? Segundo un estudo recente de investigadores da Universidade de Santiago, as redes sociais non só son positivas para os diferentes idiomas, senón que tamén axudan a manter a coexistencia e a diversidade. O estudo en cuestión foi desenvolvido polo Grupo de Física non Lineal da USC, coordinado por Alberto Pérez Muñuzuri. O seu traballo baseouse empregar modelos matemáticos para avaliar o efecto das relacións sociais sobre as dinámicas de poboacións. Máis polo miúdo, os físicos da USC centráronse na coexistencia de idiomas e no feito de que os/as falantes estean conectados mediante redes sociais de comunicación.
A investigación, publicada en Open Science da Royal Society, conclúe que o efecto destas redes, “lonxe de homoxeneizar unha lingua dominante, pode ser a causa de que apareza diferenciación e, no caso particular que se analiza, axudar á coexistencia de dúas linguas”.
Os investigadores, para botar luz sobre o devandito, achegan o exemplo concreto dun falante dunha minoritaria residente nun lugar afastado dos grandes núcleos e redes de actividade económica, social e demográfica. Grazas ás redes socias, esta persoa pode ver como se reforza a súa lingua. Sempre e cando, claro está, que as súas achegas idiomáticas acaden o “feedback axeitado”, ou sexa, a retroalimentación máis acaída. Segundo indica o profesor Muñuzuri, este é o caso dalgunhas linguas de nativos americanos que estaban a piques de esmorecer e “foron rescatadas grazas ás redes”. A clave, sinala, estaría no contacto con usuarios de calquera recanto do mundo a través do uso masivo destes servizos de comunidades en liña, o que, por extensión, favorecería a permanencia dos idiomas minoritarios. En base a isto, se se dese a circunstancia de que unha lingua con poucos falantes contase, malia todo, con internautas moi activos empregándoa nas redes sociais, daríanse pasos firmes na súa conservación e preservación. E, tamén, a prol da diversidade lingüística.
Estes resultados son froito do traballo do profesor Pérez Muñuzuri xunto con Ignacio Vidal-Franco e Jacobo Guiu-Souto, ambos tamén do mesmo grupo de investigación. Na súa hipótese inicial de traballo, os investigadores tiveron en conta que “algúns autores asumen que esta nova ameaza pode incrementar as posibilidades de supresión de linguas minoritarias”. Porén, a conclusión dos físicos da USC vén matizar estas ideas iniciais na medida en que “falantes altamente interconectados son máis propensos a diferenciarse” en base a o que se sustentaría a supervivencia de linguas diversas.
Para demostrar a súa tese, o grupo de físicos tirou proveito de modelos matemáticos. Nun plano máis detallado, centráronse no grao de conectividade entre os diferentes oradores e intentaron introducilo no modelo matemático de seu. O grupo considerou unha rede “non-difusiva” e “non-local” (aquela segundo a que un falante interacciona con outros con independencia de onde estean xeograficamente, xa que o emprazamento non ten importancia) e avaliou o efecto da coexistencia de idiomas. “Este tipo de acoplamento”, explican, “a diferenza do puramente difusivo, reflicte mellor o grao de globalización das comunicacións na actualidade e o feito de que os falantes non estean conectados necesariamente con outros situados preto fisicamente, senón tamén con interlocutores en lugares lonxe a través dos medios sociais”.
Parte do seu traballo apóiase nas teorías de Alan Turing arredor do concepto de inestabilidade e segundo as que un sistema fica en estado estacionario (estable sen difusión) ata que perturbacións miúdas alteran o estado do sistema nunha nova situación na que coexisten dous valores completamente diferentes. No caso estudado polo equipo da USC, nun contexto de redes libres de escala, a inestabilidade actívase polo grao de conectividade entre os nodos e, desta maneira, “os nodos máis conectados son máis propensos a acumular perturbacións polas súas conexións e a pasar a un dos valores estables”. A conclusión dos físicos da USC é que no contexto dun modelo bilingüe os falantes cun alto grao de conectividade nas redes sociais “teñen máis probabilidades de diferenciar ou manter un estatus diferenciado”.
Físicos da USC demostran como as redes sociais axudan á diversidade e á coexistencia de linguas
Compartir Este Artigo

