A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo celebrará entre os vías 7 e 14 de xuño un curso de formación de Introdución aos sistemas aéreos non tripulados, para o que está aberta a matrícula durante o presente mes, e que durante 30 horas presenciais achegará ao alumnado de titulacións técnicas a tecnoloxía dos drons dun xeito moi práctico e incidindo tamén en aspectos como a lexislación neste eido.
Encargarase de impartir o curso o profesor Higinio González Jorge, piloto certificado de drons dende 2014 con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como de operación con diversos sistemas aéreos non tripulados, tanto de á fixa como rotatoria, así como de subsistemas de navegación e sensores de imaxe embarcados.
Durante os módulos teóricos do curso, os asistentes introduciranse nesta tecnoloxía e en aspectos dela como a enerxía e propulsión; a dinámica e o control; os subsistemas de UAS e as súas aplicación comerciais, que abranguen desde o mundo audiovisual ao loxístico. Polo que respecta aos módulos prácticos, achegaranse a temas como a planificación de voo fotogramétrico e procesado de datos; ao funcionamento de motor brushless; á simulación dinámica de quadrotor; ao sistema de control dun gimbal para cámaras e ás especificacións técnicas de drons, vendo casos prácticos de monitorización de cultivos agrícolas e aplicación de fitosanitarios en agricultura. O alumnado tamén realizará unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada no Aeródromo de Rozas, en Lugo.
Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo organiza un curso de introdución aos drons
Compartir Este Artigo

