Logo da apertura oficial da actividade formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, inauguración da que falamos en Código Cero salientando a notable presenza de público, o novo centro neurálxico TIC do casco vello da cidade proseguiu estes días co seu roteiro de obradoiros fixado para esta tempada, o programa Tecnoloxíza-T!, organizado pola Concellería de Concello e Cidadanía. Máis polo miúdo, deuse acubillo ao comezo de dúas novas actividades, unha de iniciación á informática, que se impartirá ata 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, e outra de uso de smartphones, que seguirá ata o vindeiro venres, 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas. Para estes novos cursos cubríronse a totalidade das prazas dispoñibles, polo que participan 30 persoas.
Como lembraremos, a programación de actividades no novo espazo TIC do Concello inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Amais dos devanditos cursos de iniciación á informática e emprego de smartphones, fornécense os seguintes: trámites electrónicos coa administración, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra on line, venda on line e creación de aplicacións móbiles. Quen queira máis información sobre estas actividades, tena na páxina web do Concello, lugo.gal.
Segundo informou a Concellería, estas xeiras de formación están a ter “moi boa acollida”. De feito, as prazas da maioría dos obradoiros cubríronse en menos de dez días.
Arrincan dous obradoiros de informática e smartphones no Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo
Compartir Este Artigo

