Estes días, ata mañá, estanse a celebrar nas dependencias do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) unhas xornadas de traballo que poñen na nosa man, literalmente, tecnoloxía de vangarda para levar os nosos proxectos de innovación tan lonxe como sexa posible. As xornadas GPU Hackathon están a ser organizadas polo propio CESGA e máis pola firma coruñesa Appentra, spin-off da UDC con sede no Centro de Investigación TIC (CITIC). Con esta quedada empresarial e profesional, búscase compartir coa nosa comunidade de desenvolvedores os achados tecnolóxicos do CESGA e máis de Appentra.
O obxectivo concreto e literal, informaron recentemente as entidades organizadoras, “é axudar aos creadores de proxectos tecnolóxicos a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación usando o hardware, o software e o equipo de mentores proporcionados polo CESGA e Appentra”. Ao final do evento, este primeiro de xuño, os participantes disporán dunha nova versión acelerada en GPU ou dun roteiro (folla de ruta) para o devandito obxectivo.
As sesións, en palabras do CESGA e Appentra, van dirixidas a calquera que teña unha aplicación de simulación numérica escrita en C/C++ ou Fortran e que desexe acelerar a súa execución. A intención dos organizadores é contar cun equipo de ata dúas persoas para cada aplicación. “O que queremos”, explican a maiores, “é que os desenvolvedores tiren o máximo proveito do hackathon traballando no seu código o 95% do tempo, e compartindo experiencia cos mentores expertos en optimización, paralelización e execución de programas de simulación”.
A remate das xeiras de intercambio de coñecemento, buscarase establecer unha relación de colaboración cos equipos para “crear casos de éxito que poidan ser publicados durante os meses seguintes ao hackathon”. Estes exemplos prácticos obterán “ampla difusión nos medios e nas canles especializadas”.
As xornadas comezaron antonte coa presentación inaugural e conferencias sobre tendencias no mercado da supercomputación (dende o punto de vista do hardware), sobre o estado da arte en ferramentas de programación paralela para programas de simulación científicas e sobre programación paralela baseada en directivas empregando OpenMP 4.5 e OpenACC. Tamén se amosaron exemplos prácticos de aplicación en proxectos do supercomputador do CESGA, o Finisterrae.
De xeito complementario, ata mañá, estanse levando a cabo xeiras de traballo dirixidas á optimización da aplicación de simulación científica, empregando dinámicas colaborativas con outras equipas e máis cos mentores.
O programa tamén incluíu introducións ao desenvolvemento de software e produtividade, a ferramentas de medición de rendemento, ás metodoloxías SCRUM e ás boas prácticas na optimiación para GUP (e para CPU).
Appentra e o CESGA botan unha man aos desenvolvedores para acelerar os seus proxectos
Compartir Este Artigo

