Este 15 de xuño, quinta feira, celébranse na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) uns encontros encamiñados a fornecernos de recursos e claves para salvagardar e dispoñibilizar material histórico: que métodos lle acaen mellor a cada documento, que tipos de procesos se están a impoñer a día de hoxe, como optimizar o desenvolvemento e o remate dos proxectos, etc. As xornadas Dixitalización de arquivos. Tendencias, procesos e plans de execución comezan ás 9.15 horas da man de Xosé López, coordinador da actividade e secretario da institución. A intención do CCG é afrontar a devandita temática en “dúas direccións”. Por unha banda centrándose en coñecer o proceso, e, pola outra, buscando describir como os documentos xa dixitalizados se poñen a disposición da cidadanía. As xornadas poderanse seguir en directo a través da web da institución.
En palabras do Consello, a cita ten como obxectivo prioritario “analizar a evolución dos procesos de dixitalización dos arquivos nos últimos anos e coñecer as tendencias actuais, así como as oportunidades que hai non só para preservar mellor os fondos, senón para difundilos e poñelos accesibles á cidadanía”.
A cita arrinca coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que ofrecerá un estado da cuestión e das tendencias actuais. Desa mesma universidade virá Jesús Robledano Arillo cun relatorio chamado Análises de casos de dixitalización de arquivos que resultan paradigmáticos: cara á definición dun modelo para a representación dixital do patrimonio documental. Máis tarde, Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falará das novas tecnoloxías da información aplicadas á documentación nos arquivos. Pechará a xornada Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya, para abordar a cuestión de Os arquivos na sociedade rede e o papel do content curator.
O CCG avalía as tendencias actuais no proceso de dixitalización de arquivos
Compartir Este Artigo

