A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) celebrou este 13 de xuño unha xornada sobre O novo Sistema de Subministración Inmediata de Información (SII), coa participación da Axencia Tributaria (AEAT) e a empresa Enxendra. O presidente da CEC, Antonio Fontenla, e a delegada especial da AEAT en Galicia, Mª Imelda Capote, inauguraron o encontro. A delegada explicou os cambios de normativa, as vantaxes para o obrigado tributario e a mellora no control das operacións entre empresarios. A organización da xuntanza lembrou aos presentes que os ditos cambios atinxirán a unhas 1.500 empresas galegas e traduciranse sobre todo na súa obriga de remitir de xeito electrónico os rexistros das súas facturas á Axencia Tributaria a partir do 1 de xullo (en virtude da posta en marcha, por parte da AEAT, da Subministración Inmediata de Información -IVE en liña).
Na xornada engadiuse que a dita obriga establece o envío electrónico do detalle das facturas emitidas e recibidas nun prazo máximo de catro días hábiles, incluíndo as simplificadas ou billetes. Puntualmente, a AEAT estendeu este prazo a oito días naturais durante 2017.
A xornada da CEC dirixiuse, precisamente, a aclarar dúbidas ao respecto destes regulamentos e a axudar ás PEME e aos profesionais a adaptarse do mellor xeito posible á nova situación na meirande brevidade.
A sesión, que foi a segunda entrega doutro encontro celebrado en febreiro, incluíu un relatorio impartido pola administradora da AEAT da Coruña, Mª Pilar Estramil, que clarificou a información que se debe incluír e detallou os prazos nos que se ten que remitir a información, e outro relatorio a cargo do director executivo de Enxendra, Brais Méndez, que centrou a súa exposición na parte técnica, explicando as distintas opcións existentes para unha boa integración dos sistemas de xestión da empresa co formato XML, necesario para remitir os datos á Axencia Tributaria.
Antonio Fontenla sinalou que nesta nova forma de xestionar o IVE, deseñada polo Ministerio de Facenda, debe “existir un correcto equilibrio entre a obtención da información”, imprescindible para un axeitado desenvolvemento das actuacións precisos, e “os custos indirectos que a subministración dos mesmos supón para os obrigados tributarios”. O presidente da CEC indicou que esta medida atinxirá a unhas 1.500 empresas galegas, que en España sumarán un total de 63.000 con obriga de cumprir co novo sistema.
Pola súa banda, Mª Imelda Capote agradeceu á CEC a súa colaboración na difusión do SII para poder chegar ao meirande número de contribuíntes e así axudar aos que teñen obriga de aplicar este sistema. Expresou a “total disposición” da AEAT para aclarar dúbidas, para o que xa existen dúas caixas de correos de correo na web da axencia (agenciatributaria.es), un para preguntas técnicas e outro para cuestións tributarias.
A CEC lembra que unhas 1.500 firmas galegas terán que remitir dixitalmente á AEAT os rexistros das súas facturas
Compartir Este Artigo

