
Asemade, o encontro foi de utilidade para destacar a conveniencia (de cara a acadar os máis óptimos e universais resultados) de xuntar profesionais de diversas procedencias e especializacións. En palabras dos expertos reunidos polo CCG, puxéronse de manifesto as vantaxes de “establecer grupos de traballo interdisciplinares para que o coñecemento que se rexistra nos arquivos chegue á cidadanía”.
A cita arrincou coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que fixo unha aproximación á situación técnica e normativa a día de hoxe. Na súa intervención, Caridad estableceu como a UNESCO, a Unión Europea e asociacións como IFLA “marcaron os camiños polos que se debía desenvolver a dixitalización marcado por normas informáticas e documentais”. Igualmente, fixo un percorrido por casos concretos nos que ten traballado e dirixido como son a dixitalización do epistolario da Condesa de Romanones, do museo do Real Madrid ou do arquivo de loterías e apostas do Estado.
Pola súa banda, o profesor Jesús Robledano Arillo explicou os parámetros dun bo modelo de conversión ao dixital, salientando a necesidade de “definir previamente os criterios e requisitos técnicos, o marco de aplicación e a base filosófica que han de rexer todo o traballo”. Puxo como exemplos o devandito caso de NARA (The Strategic Plan of the National Archives and Records Administration dos Estados Unidos) ou o proceso de transformación tecnolóxica do material xerado ao abeiro do Espacio P, que foi un escenario artístico madrileño que durante as décadas dos oitenta e dos noventa chegou a converterse nun referente mundial en materia de arte en movemento, cinema, vídeo, fotografía, música e performances.
Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falou de como as ferramentas dixitais pode axudar á difusión dos arquivos, salientando aspectos concretos como a necesidade de estar ao día, de coñecer outras realidades ou de que o grupo de traballo que acometa a dixitalización sexa interdisciplinar.
Pola súa parte, Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya, pechou os relatorios debullando unha nova realidade marcada por conceptos como transparencia, accesibilidade, colaboración, hibridación, e difusión. Ademais, explicou o papel fundamental que ha desenvolver un content curator, é dicir, un especialista que busca, selecciona, dá sentido e comparte esa información.
Expertos en cultura e TIC amosan en Santiago como deben dixitalizarse arquivos históricos
Compartir Este Artigo

