A Asociación de Empresari@s de Verín quere subir novos chanzos en materia de innovación (campañas e Internet e nas redes sociais), co fin de incrementar a competitividade das firmas integrantes, a visibilidade, a capacidade de manobra e a proximidade con usuarios e clientes. Primeiro foi a iniciativa Noite de Compras, que foi un éxito de seguimento e participación, e agora quérese focalizar a actividade na páxina web da entidade empresarial, na que xa está accesible o primeiro catálogo de ofertas dos asociados. Esta campaña, financiada pola Consellería de Industria e Comercio, responde ao obxectivo de “potenciar a presencia do comercio local en Internet”.
Segundo informa o Concello, a iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla que comezou hai dous anos coa asociación reforzando o uso das redes sociais con campañas como #EuMercoEnVerín, que a día de hoxe, en palabras do Goberno local, “xa forma parte do vocabulario da vila”. Segundo reflectiu Jose Angel Rodicio, xerente de CCU AEVER (Centro Comercial Urbano – Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín), “grazas ás redes sociais establecemos un diálogo directo cos nosos clientes, sabemos o que lles gusta e o que non, detectamos o que esperan de nós”. Tamén apuntou que “antes da irrupción das redes sociais, se un cliente non estaba satisfeito ou non atopaba o que quería, non sempre o sabiamos, agora temos a oportunidade de saber a súa opinión, escoitalo, e mellorar”.
O catálogo de ofertas ten unha vixencia mensual e recolle as ofertas de 20 negocios de diferentes sectores. Para o Concello, amais de servir como medio de difusión dos produtos e servizos funciona tamén como un escaparate da diversidade de negocios que existen na vila.
O comercio local de Verín lanza catálogo en liña coas ofertas dos seus integrantes
Compartir Este Artigo

