A Asociación de Empresarios Novos de Vigo vai organizar o vindeiro luns, 26 de xuño, unha xornada sobre ciberseguridade. Na cita participarán, en palabras da organización, “algunhas das voces máis destacadas” neste eido da protección dos datos e os equipamentos informáticos. Segundo engade trátase dun encontro que servirá para que as PEME tomen conciencia da importancia de protexer as súas infraestruturas tecnolóxicas ante futuros ataques masivos como o acontecido o pasado mes de maio co ransomware WannaCry, que afectou a 150 países.
O encontro terá lugar no Círculo de Empresarios de Galicia e estará aberto a empresas socias e non socias de AJE Vigo. A xornada dará comezo ás 12.00 horas e arrincará cos relatorios de Josep Albors, responsabel de investigación e concienciación de ESET España que falará sobre Ataques á Internet das Cousas, Smartcities e sistemas industriais; Simón Rosés, fundador e director executivo (CEO) de Vulnex, que se centrará en Ciberseguridade, a hora do cambio; e Daniel Giraldes, da aseguradora AXA, que explicará As claves da ciberprotección.
De seguido celebrarase unha mesa redonda na que participarán Pedro Margüenda, director executivo de AENSIS, Iago Fortes, director executivo de Inprosec e Juan González Martínez, responsable de seguridade e privacidade do Centro Tecnolóxico Gradiant. Os asistentes deberán inscribirse en AJE Vigo (info@ajevigo.es) e as prazas son limitadas ata completar aforamento. Para consultar os currículos dos relatores, o equipo organizador da xornada habilitou un documento en Google a disposición das persoas interesadas.
Destacados expertos en ciberseguridade analizarán en Vigo as claves para evitar ataques futuros
Compartir Este Artigo

