Cómpre salvar os nosos mares. E temos que ser os seres humanos, precisamente, os que os salvemos dos seres humanos. Para pór de manifesto esta necesidade e visualizala en todos os recantos vense de pór en marcha unha iniciativa estatal que propón a botadura figurada e virtual dunha mensaxe aos océanos. A proposta-evento Mensaxe nunha botella, que conta entre outros apoios coa participación da Universidade e dos Museos Científicos da Coruña, ten unha web de seu (www.mensajeenunabotella.info) para que esteamos ao tanto de toda a información relativa ao itinerario do chamamento e os pasos a seguir para participar na experiencia. Ademais, a web fornece dunha sección de novas onde se poderá seguir a pista ás botellas e as accións que os participantes realicen a través de fotografías e vídeos.
O evento, segundo conta a UDC e o Concello da Coruña, fixa cinco roteiros por España de botellas ecolóxicas cunha mensaxe no interior convidando a calquera persoa interesada en participar nun reto ambiental relacionado coa saúde dos océanos.
Cada unha das rutas dará comezo en acuarios e museos de diferentes puntos de España durante o mes de setembro, L’Aquàrium de Barcelona, Oceanogràfic de Valencia, Museos Científicos Coruñeses, Nuevo Acuario de Zaragoza e Acuario de Sevilla.
Continuará viaxando por colexios, institutos, clubs de mergullo e asociacións, “concienciando sobre o cambio da nosa relación co mar e retando a cada participante a realizar unha pequena acción para lograr este obxectivo”. As botellas non só viaxarán pola costa, senón que percorrerán tamén o interior de España para, en palabras dos organizadores, “facer conciencia de que as nosas accións, tanto no litoral coma no interior, repercuten no mar”.
O acto final da actividade será o 24 de novembro no Centro Nacional de Educación Ambiental en Valsaín, Segovia.
En xaneiro deste ano, diferentes entidades que traballan a favor dos océanos e en temas de divulgación científica, entre as que están L’Aquàrium de Barcelona, Oceanogràfic de Valencia, os Museos Científicos Coruñeses, a Cátedra de Divulgación Científica e Cultural Isabel Zendal UDC-Concello da Coruña e o grupo de divulgación científica UDCBIGBANG da Universidade da Coruña, a escola Daina-Isard, SOCIB, Alwa e SUBMON, reuníronse nun obradoiro técnico para comezar a creación e o deseño do que sería “un evento participativo a nivel estatal co principal obxectivo de involucrar ao maior número de xente posible na conservación dos mares e océanos”. Froito dese traballo é a posta en marcha de Mensaxe nunha botella.
A Coruña lanza unha botella na Rede para salvar os mares
Compartir Este Artigo

