Vitae Consultores vai desenvolver os días vindeiros un obradoiro formativo sobre como afinar ao máximo as nosas metodoloxías para facernos cos máis acaídos equipos de profesionais das novas tecnoloxías (e tamén do ámbito non TIC) para as nosas empresas. O Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseada na Neurociencia (formato PDF) está dirixido a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Ten unha duración de 20 horas e celébrase en catro xornadas, o 7, o 8, o 14 e máis o 15 de xullo. Segundo informa Vitae acerca da finalidade deste obradoiro, nos tecidos académicos e empresariais da actualidade hai unha eiva clara no que se refire a capacitar aos avaliadores dunha compañías coas ferramentas psicolóxicas básicas para estimar un profesional. “Isto”, explica a consultora galega, “leva a que falle todo o modelo de exame, pois falla o alicerce do mesmo, é dicir, que quen avalía non foi formado nin capacitado para isto”.
O obradoiro abordará, nun comezo, a importancia do autocoñecemento para calibrarmos a outro profesional: trátase do primeiro paso fundamental para desenvolver este labor e acadar a máxima obxectividade. “Neste curso”, engade Vitae, “fornecerase aos avaliadores das ferramentas precisas para o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se empregue”.
A consultora tamén lembra que “o sector tecnolóxico-dixital demanda arestora máis profesionais dos dispoñibles no mercado laboral e isto xéralles tensións ás empresas en canto a cumpriren os compromisos profesionais en calidade de prazo cos seus clientes e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”. O devandito curso céntrase en axudarnos a superar as ditas tensións.
Máis polo miúdo, envórcase na eficacia (“en que facer, máis que na eficiencia”) para seleccionar candidatos e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de profesionais, “aínda que ámbalas facetas, a eficacia e a eficiencia”, sinala Vitae, “son precisas para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, o obradoiro fornecerá un “método e unhas ferramentas coas que se teñen acadado porcentaxes de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, explican dende Vitae, engadindo que o reto para os ditos procesos de escolma e análise é “ter un criterio para saber en que aspectos ceder e en cales non ceder na contratación dunha ou dun candidata/o ou na promoción dun dos nosos profesionais”.
O curso vai dirixido a directores e xefes de proxectos, xerentes ou profesionais de recursos humanos ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades e os coñecementos para a selección e avaliación tanto de perfís tecnolóxico-dixitais como de calquera outro sector.
A actividade formativa celébrase no Hotel Attica 21 da Coruña.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.
Vitae introdúcenos nas claves da neurociencia para atopar os máis axeitados profesionais TI (e non TI)
Compartir Este Artigo

