A Deputación de Pontevedra presentou onte as estimacións do destino Rías Baixas para este verán 2017, uns cálculos que apuntan a unha ocupación este verán que roldaría o 80%, o que supón un incremento con respecto ás estimacións do ano pasado. Alén dos datos puramente turísticos e empresariais, a cita, na que participou a presidenta da entidade da entidade provincial, Carmela Silva, serviu para incidir na importancia de integrar o uso das novas tecnoloxías en toda a cadea de actividade turística. E o obxectivo da Deputación, a este respecto, é que todos os elos da cadea do Destino Ríos Baixas estean ligados ao dixital. Para acadalo, a entidade provincial está a levar a cabo unha serie de actuacións. Por exemplo a formalización dunha alianza co Clúster de Turismo de Galicia.
Esta alianza está dirixida “a potenciar o sector turístico da provincia creando un tecido asociativo forte e consolidado”. Máis polo miúdo, o convenio ten por obxectivo impulsar o II Encontro do Clúster de Turismo centrado en networking empresarial e novas tecnoloxías. Ao respecto do pacto e dos seus obxectivos, Silva manifestou a necesidade “de que todos os sectores, sobre todo o turístico, aposten fortemente por solucións das novas Tecnoloxías da Información e Comunicación que lles permitan ser máis eficaces e eficientes, obter máis beneficios e reducir custes”.
A presidenta engadiu que outra das propostas que se porá en marcha ao abeiro deste convenio é o deseño dun plan de comunicación partindo dun briefing conxunto elaborado entre o Clúster de Turismo e a Deputación de Pontevedra.
Outra das iniciativas que deu a coñecer Carmela Silva foi o concurso #VeinteMilRíasBaixas, organizado desde Turismo Rías Baixas para celebrar que a súa comunidade en Twitter supera as/os 20.000 seareiras/os. Carmela Silva indicou que a través deste concurso se propuxo ás seguidoras e aos seguidores retratar os seus lugares favoritos das Rías Baixas. En total, presentáronse 499 fotografías, xa dispoñibles en turismoriasbaixas.com, que recollen illas, praias, paisaxes naturais costeiros, fervenzas ou lugares do interior de enorme beleza e calidade.
A presidenta engadiu que a partir de agora un xurado integrado polos equipos técnicos de Turismo Rías Baixas e Comunicación deliberará ata seleccionar a un máximo de 10 finalistas dos que sairá a persoa gañadora. O premio, por certo, consistirá nun lote de produtos Rías Baixas e dous bonos para os 8+1 Festivais Rías Baixas amais da impresión de 30 copias en formato postal co nome da persoa seguidora e o logotipo de Turismo Rías Baixas.
A Deputación de Pontevedra reforza a actividade TIC no destino Rías Baixas
Compartir Este Artigo

