A Deputación de Coruña anunciou hoxe a total dispoñibilidade da súa páxina de Turismo para os concellos da provincia. Na web dacoruna.gal/turismo, informou a entidade provincial que dirixe Valentín González, as administracións locais terán a posibilidade de difundir a súa oferta e dar a coñecer, nun plano detallado, cousas como os seus destinos, os roteiros que acubillan, os seus eventos, os seus festivais, as súas festas gastronómicas e, en definitiva, os seus principais atractivos de cara a atraer visitantes de todos os recantos de Galicia e do mundo. En base a isto, os concellos terán acceso directo á páxina web da área de Turismo da Deputación, unha opción que responde á arela orixinal do site: “Converterse en soporte de difusión da oferta turística de provincia”. A medida presentada onte responde a este obxectivo e faino subir un novo chanzo.
A Deputación, co fin de impulsar esta vertente aberta e participativa da web (aglutinando unha completa comunidade de axentes turísticos locais, persoal técnico e responsables políticos das áreas de turismo das administracións locais), fixo saber tamén que desenvolverá diversas iniciativas para fortalecer o portal, tirarlle o máximo proveito e emprazalo o mellor posible en buscadores e servizos. A estes obxectivos dirixiuse precisamente a xornada de onte, celebrada na sede da Deputación, na que participaron técnicos e representantes dos concellos adquirindo a formación precisa acceder directamente á plataforma co fin de enviar contidos de novas e eventos ou introducir información dos distintos recursos, en especial de propostas patrimoniais, culturais, gastronómicas ou paisaxísticas.

En palabras do responsable da área de Turismo da entidade provincial, Xosé Regueira, “a iniciativa responde a unha política clara de ofrecer servizos aos concellos e, en especial, servir de plataforma de difusión dos destinos, neste caso a través da Rede, seguindo a liña que iniciamos nas feiras de turismo ou en programas como o de turismo escolar ao que se incorporaron as ofertas dos concellos”. Segundo dixo, a información que se inclúe na páxina web por parte dos concellos será difundida tamén a través das redes sociais da área de Turismo da Deputación. “Queremos, con esta nova aposta, abrir horizontes para os distintos destinos aproveitando as posibilidades que a rede nos ofrece no ámbito turístico”, engadiu.
Como lembraremos, a páxina web fornece á comunidade internauta de información dos Camiños de Santiago, do programa de Turismo Industrial e escolar, propostas de lecer e tempo libre (festas e feiras e sendas, roteiros e camiños) e os procesos dos dous concursos que promove a área, o de fotografía turística e o de turismo escolar. O departamento, amais de web de seu, inclúe contas propias en Twitter, Facebook e Instagram.
Os concellos coruñeses poderán mostrar as súas ofertas na web de Turismo da Deputación
Compartir Este Artigo

