Turismo de Galicia vén de estrear nova campaña de promoción e faino, tamén, nas canles dixitais. A iniciativa, desenvolvida baixo o slogan #DámeGalicia, rompe formatos previos cunha clara aposta por aproximarnos ás experiencias en primeira persoa dos viaxeiros. A campaña xorde para ter presenza nas canles de TV, radios, prensa xeral e especializada, suplementos e revistas. Porén, emprestarase unha atención especial á promoción en buscadores e redes sociais, así como en sitios web de viaxes e turismo. De feito, o nome da campaña e o xeito de presentarse alude directamente ás novas canles comunitarias e dixitais da información.
Turismo de Galicia quere que a campaña #DámeGalicia chegue tamén ao mercado internacional, especialmente a Europa e Norteamérica. Para isto tirarase proveito, precisamente, da promoción dixital, en medios online e web especializadas.
Con esta campaña, Turismo de Galicia afonda “no compromiso por poñer en valor os recursos de Galicia e promover o destino nos mercados nacionais e internacionais”. O obxectivo é que en 2020 academos os seis millóns de turistas. Segundo informa o organismo que dirixe Nava Castro, no que vai de ano a Comunidade galega recibiu máis de 1,4 millóns de visitantes, “unha cifra nunha antes acadada nos cinco primeiros meses do ano”.
A campaña #DámeGalicia apoiarase nas redes para chegar a Europa e Norteamérica
Compartir Este Artigo

