A Facultade de Informática da Coruña (FIC) vén de acadar un importante recoñecemento de mans dos responsables do que se coñece como ranking de Shanghai, edición 2017, que xunta e visualiza as melloras universidades do mundo. Segundo nos conta a UDC, tanto a FIC como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Caminos, Canais e Portos conseguiron emprazarse entre os campus de meirande prestixio da devandita clasificación. Máis polo miúdo, a escola colocou a súa área de enxeñaría civil no posto 201-300 mundial e a Facultade de Informática, que ofrece o Grao en Enxeñaría Informática, na posición 401-500 da área de informática no mundo.
Segundo explica a UDC, a entidade ARWU publica desde 2003 unha listaxe referencial das mellores universidades a nivel mundial que mide a calidade de cada unha delas ademais dunha clasificación por áreas. Para a elaboración dos seus datos avalía seis indicadores, incluíndo o número de egresadas/os e o persoal que gañou premios Nobel e Medallas Fields, o número de investigadores altamente citados, a cifra de artigos publicados en revistas de natureza e ciencia, a cantidade de artigos indexados en Science Citation Index – Expanded e Social Sciences Citation Index, e o rendemento per cápita da universidade. Clasifícanse máis de 1.200 universidades cada ano, das que extraen unha listaxe das 500 mellores.
A Universidade da Coruña está no ranking de Shanghai global estendido no posto 949, na última edición de 2015; mentres que na clasificación The Times ocupa praza no treito 601-800 das mellores do mundo.
A FIC, entre as mellores facultades de informática do mundo
Compartir Este Artigo

