Onte celebrouse na nosa terra un encontro de gran interese para os nosos profesionais e empresas que queiran mellorar os seus procesos produtivos botando man de novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, de tecnoloxías de Realidade Aumentada e Virtual. A xornada celebrouse na sede do Centro Tecnolóxico Aimen no Porriño e veu da man deste centro e máis da empresa GKN Driveline Vigo (sede galega do fabricante mundial de tecnoloxías de transmisión de potencia para vehículos convencionais, híbridos e eléctricos). O seminario, na que se deron a coñecer múltiples aplicacións industriais das ditas tecnoloxías (que permiten cousas como optimizar a eficiencia, a produtividade, a calidade e a seguridade nos procesos de enxeñaría, mantemento e operacións nas plantas industriais), inseriuse nas actividades da iniciativa JOINTS4.0, que é a Unidade Mixta de Investigación integrada por Aimen e GKN (dirixida ao desenvolvemento de novas tecnoloxías para a fabricación sustentable e intelixente de compoñentes de transmisión para o sector do motor).
Na demostración participaron máis dunha trintena de representantes de empresas de diferentes sectores industriais. Amais de dar a coñecer as potencialidades das ditas tecnoloxías de precisión e recreación virtual, fíxose saber que a Unidade Mixta de Investigación (UMI) está a permitir a GKN Driveline Vigo dotarse da tecnoloxía necesaria para optimizar os seus procesos e “garantir ao cen por cen a calidade dos seus produtos”, a través dunha fábrica reconfigurable e con capacidade de adaptación a diferentes contornas, que “permite afianzar a posición da planta viguesa da multinacional como referente na produción de compoñentes de transmisión, principalmente de xuntas homocinéticas”.
No transcurso da xornada déronse a coñecer diferentes aplicacións baseadas na Realidade Aumentada e a Realidade Virtual. Por exemplo Tesla Technologies amosou as capacidades das ditas tecnoloxías na industria, optimizando os procesos, o control dos mesmos, as tarefas de mantemento e mesmo a formación dos traballadores.
Tamén participou Esi Group, dando a coñecer o concepto de Hybrid Digital Twin, que asenta a materialización dunha representación complemente virtual do produto, pudendo coexistir co produto real durante todo o seu ciclo de vida. Igualmente, interviñeron investigadores da Universidade Técnica de Hamburgo, amosando o aproveitamento destas tecnoloxías para o aumento da produtividade nas plantas de fabricación. Ao final do seminario presentáronse demostradores reais de aplicacións para a formación en montaxe de diferentes compoñentes cos que os asistentes puideron interactuar directamente.
Aimen e GKN Driveline Vigo amosan aos nosos profesionais as múltiples posibilidades da realidade aumentada
Compartir Este Artigo

