Correos presentou este mércores sen Ourense a súa páxina sobre o Camiño e sobre os servizos que a empresa pon a disposición dos peregrinos ao longo dos itinerarios xacobeos (servizos que atinxen non só ao percorrido en si mesmo, senón tamén ao antes e ao despois: como planificar a ruta, que sitios visitar, onde durmir e comer, como recibir e entregar material de todo tipo ao longo do traxecto, como resolver a cuestión do “regreso do material”, etc). Trátase da páxina de axuda aos camiñantes www.elcaminoconcorreos.com, que foi dada a coñecer na cidade das Burgas polo alcalde Jesús Vázquez; o director de zona de Correos, Ángel Pérez, e o director da oficina principal, Avelino Rodríguez.
Segundo se fixo saber, o portal que Correos vén de activar oferta información detallada sobre nove rutas xacobeas: O Camiño Francés, o Primitivo, O Camiño do Norte, O Camiño Inglés, o Camiño a Fisterra, a Vía da Prata, o Camiño Portugués, o Camiño Sanabrés e o de Inverno.
Tamén se informou de que na páxina web os peregrinos poderán atopar detalles pormenorizados de cada unha das etapas do Camiño, os aloxamentos, os teléfonos de interese e os consellos dos carteiros locais sobre que lugares non deixar de visitar. Por certo que a web tamén achega a posibilidade de descargar todos os datos acubillados para que os peregrinos poidan carrexala da maneira máis cómoda (os detalles da ruta, os blogues con información actualizada) aínda que non conten con conexión. A web tamén fornece dun servizo de consultorio onde os camiñantes poderán enviar as súas preguntas e dúbidas aos carteiros do Camiño.
Correos presenta en Ourense a súa nova web para peregrinos do Camiño
Compartir Este Artigo

