Telefónica vén de anunciar a súa vindeira colaboración con Oarsis para fortalecer o impulso de empresas de realidade virtual (VR polas súas siglas en inglés) e aumentada (AR). A alianza, que responde ao interese crecente da compañía de telecomunicacións por este tipo de tecnoloxías de simulación, inmersión e recreación de realidades alternativas, apóiase en boa medida na experiencia previa de Oarsis facendo precisamente o que se busca reforzar agora: crear empresas de realidade virtual. A colaboración coa start-up Oarsis levarase a cabo a través da plataforma aberta Telefónica Open Future, con presenza notable na nosa terra (a través do centro de crowdfounding Galicia Open Future, con sede na Cidade da Cultura).
Segundo fixo saber Telefónica, ambas firmas unirán forzas para “atraer ao mellor talento emprendedor”. En palabras de Carlos López, director executivo de Oarsis, “en Telefónica Open Future_e en Oarsis compartimos a mesma visión de democratizar o emprendemento e o uso destas tecnoloxías co fin de crear proxectos que acheguen valor real á sociedade e á industria”. Ao seu xuízo, “impulsar este tipo de iniciativas de forma conxunta é clave para acelerar aínda máis o desenvolvemento de talento e tecnoloxías neste sector”. A idea, polo tanto, é estar na vangarda tecnolóxica cando, nun futuro non moi afastado, a RA e a VR converxan. “Será entón cando as vindeiras lentes intelixentes que moitos levaremos dominarán todas as nosas interaccións dixitais, e tanto Telefónica Open Future como Oarsis queremos contribuír a construír ese futuro”, engadiron Carlos López e Paloma Castellano, directora de Wayra Madrid, aceleradora de novas firmas innovadoras de Open Future.
A selección de emprendedores para este proxecto conxunto comezará en breve. Será en Madrid os días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro nas oficinas de Gran Vía. A xuízo de Castellano, “será unha boa ocasión para conectar con novos emprendedores e proxectos que poidan achegar valor a Telefónica en distintas áreas, por iso Wayra quere estar presente no evento”. Aqueles interesados en participar no evento poderán atopar máis información en www.oarsis.com/weekend.
Telefónica Open Future e Oarsis queren impulsar empresas de realidade virtual
Compartir Este Artigo

