Que varios episodios de series da HBO poidan circular pola Rede por mor dunha intrusión nos seus sistemas pode parecer algo moi grave nun momento como o actual, coa serie Game of Thrones en curso, pero o problema de seguridade da compañía parece estar a ter consecuencias moito peores do que se pensaba, e Variety está a dar conta do feito de que, xunto a varios episodios inéditos das súas series, entre os 1,5 TB de datos roubados figurarían milleiros de documentos internos da compañía.
Dende a HBO están a actuar rapidamente para evitar que as filtracións estean dispoñibles a través de Google e así poidan chegar ao grande público con facilidade, pero parece constatado o feito de que, aparte de contidos importantes (episodios das series Ballers, Insecure e Room 104 e incluso de Barry, serie que non verá a luz ata 2018), resulta máis preocupante a enorme cantidade de información persoal dunha das directivas de HBO. Entre os datos filtrados habería nomes de usuario e contrasinais do correo electrónico, as redes sociais, numerosos servizos accesibles en liña (dende a súa entidade bancaria ata a subscrición a algunha revista), números de tarxetas bancarias… en definitiva, que veñen de complicarlle a vida de xeito importante, pois a afectada terá serias complicacións para poder asegurar a súa economía persoal despois da filtración.
A filtración masiva que está a verse polo momento sería só un primeiro paso, xa que ameazan con continuar, existindo o temor de que poida ver a luz numerosa información sensible, xa que os responsables desta acción criminal parece que conseguiron acceso ás ferramentas de administracións interna da HBO, ao listado de traballadores e os seus enderezos de correo electrónico… polo que a posible información sensible á que tiveron acceso sería bastante.
No que á serie Game of Thrones, os intrusos conseguiron acceder aos guións dos episodios 3 e 4 da actual tempada, ou sexa, que dentro de poucos días perdería interese a filtración, aínda que os seareiros da serie deberán limitar a lectura en liña sobre a mesma se queren evitar incómodos spoilers.
A filtración da HBO inclúe moita información sensible
Compartir Este Artigo
