Unha intrusión nos sistemas da HBO podería permitir filtracións de Game of Thrones

luns, 31 de xullo do 2017 Marcus Fernández

No que vai de ano as intrusións informáticas afectaron seriamente á industria audiovisual, facilitando a filtración de varios episodios da serie Orange is the New Black e incluso levando á Disney a ser vítima da extorsión dos ladróns dunha das súas películas antes da súa estrea, o que levou ás compañías a tomar moitas precaucións para evitar as filtracións que puidesen estragar a experiencia de consumo audiovisual dos seus seareiros, o que conseguiu limitar bastante os efectos das intrusións que puidesen producirse, pero que non son infalibles, como vén de comprobarse coa máis recente intrusión que afectaría á HBO e podería facer que as tramas dos vindeiros episodios de Game of Thrones aparecesen na Internet.
Os responsables do roubo de información aseguran ter 1,5 TB de datos da HBO, entre os que podería estar o guión do episodio da semana que vén de Game of Thrones, aínda que por fortuna está desbotado o feito de que puidese ser unha copia do propio episodio a que se puidese filtrar (como si aconteceu en anos anteriores) xa que actualmente a circulación das copias dos episodios está rigorosamente controlada.
Aínda que os responsables desta intrusión a definen como «a meirande filtración da era do ciberespazo», é moi posible que non pase de anécdota, pois simplemente estragar un par de sorpresas dun episodio en concreto dunha serie de televisión é algo moito menos importante do xigantesco roubo de datos que padeceu Sony hai un par de anos, con máis de 100 TB de datos filtrados á Rede, entre os que había películas que non se estrearan no cine, estragando completamente a súa carreira comercial nos EE.UU.
Neste caso a posible filtración resulta de grande interese porque as tramas de Game of Thrones están a ser moi seguidas e discutidas en liña, especialmente dende o momento no que a serie superou os acontecementos narrados nas novelas nas que se basea.

PUBLICIDADE