A Deputación de Pontevedra quere botar man das novas tecnoloxías para crear unha nova e exhaustiva base de datos sobre a rede de estradas de titularidade provincial. Máis en detalle, o que busca é elaborar un catálogo-inventario que permita, entre outras cousas, facer consultas da rede viaria e dos seus treitos con imaxes de 360º, en tempo real, abranguendo vistas non só das estradas en si mesmas senón de todos os elementos que as acompañan. Ao fío destes requirimentos, a Deputación xa recibiu cinco ofertas de empresas interesadas en facer os traballos. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o orzamento de licitación para este novo rexistro é de 217.195 euros.
Amais de permitir imaxes pormenorizadas, o proxecto incorporará un software para traballar con datos de sinistralidade, de tráfico e auscultación que permitirán “unha xestión máis eficiente, ademais da posibilidade de xerar buscas ou informes por items”.
A Deputación tamén informou de que o mércores 9 de agosto está previsto abrir os sobres coas ofertas técnicas presentadas por Ingeniería Insitu, Cotesa, Relieve MDC, AMAC Europa, S.L. e Applus Control, que deberán ser valoradas pola equipa do departamento de Mobilidade. O deputado explicou que a entidade provincial pretende actualizar o inventario, “xa que o actual data de 2004 e está totalmente desactualizado tanto dende o punto de vista da información que manexa como dende a utilización das novas tecnoloxías”. A intención é adxudicar os traballos no outono para poñer en marcha a aplicación doce meses despois, “prazo necesario para realizar a implantación do novo catálogo”. En palabras de Benítez, “trátase dunha ferramenta complementaria ao labor dos técnicos, e tamén moi importante para realizar todas as labores de conservación e mantemento precisas”.
No contrato establécese que “deberá haber unha recollida de datos en campo con captura de imaxes dixitais, así como un levantamento topográfico mediante escaneado con láser móbil sobre vehículo dos 1.700 quilómetros de viario provincial”. O devandito levantamento, que servirá de base cartográfica, poderá ser utilizado mesmo “para a elaboración de futuros proxectos de mellora das estradas”, engadiu a Deputación.
Mediante a ferramenta informática, o usuario poderá situarse en calquera punto de calquera treito e percorrer cada estrada provincial visualizándoa mediante un simulador de vídeo cun paso mínimo de 10 metros. A aplicación deberá conter e xestionar de xeito sincronizado un visor panorámico tipo Street View no que se poidan ver 360º as fotografías inventariadas, un visor panorámico 3D no que se poida visualizar a nube de puntos do levantamento topográfico, e un visor en planta 2D cos elementos inventariados e a cartografía asociada de xeito similar a Google Maps.
A Deputación de Pontevedra terá seu propio Street View para a xestión das súas estradas
Compartir Este Artigo

