O Concello de Santiago fixo reconto do acadado en materia de convocatoria cidadá arredor dos seus Orzamentos Participativos (OP), materializada arredor da plataforma decide.santiagodecompostela.gal. Os datos foron dados a coñecer pola concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, e referíronse á segunda fase do proceso dos orzamentos de 2018, na que a cidadanía compostelá puido apoiar as propostas presentadas na fase previa. Segundo fixo saber, o número total de participantes na dita web sitúase en 2.785, dos cales 1.057 son novas altas na plataforma e 1.728 son do ano anterior, que participan tamén do proceso deste ano. “Isto supón un incremento na participación superior ao 60%”, explicou.
Ademais, engadiu que dende o 6 de xuño e ata o mes de xullo manifestáronse 4.767 apoios, a dividir entre as 279 propostas presentadas durante a primeira fase. Tamén sinalou que os investimentos recibiron 3.500 apoios, mentres que as actividades, tanto das festas do Apóstolo como de mocidade, recibiron un total de 1.267 apoios (848 festas e 419 mocidade).
Respecto dos factores “protección” e “verificación” que debera incluír o proceso de achega de propostas e apoios, a edil manifestou que ao abeiro do sistema de seguridade na votación dos orzamentos participativos “existe un procedemento para altas que garante, sen acceso aos datos totais do padrón, confirmar o empadroamento da persoa”. O sistema engadiu, “asegura que no caso de darse circunstancias anómalas, entre en funcionamento o protocolo de comprobación da identidade que, de non realizarse con éxito, suporía a anulación dos votos”. Porén, a tecnoloxía posta en xogo non detectou polo de agora ningunha tentativa de suplantación nin ningún fraude.
As orixes da web
Como lembraremos, a páxina web decide.santiagodecompostela.gal (baixo o lema de Compostela Decide) foi posta en marcha hai algo máis dun ano polo Concello de Santiago. O seu cometido foi, dende o comezo, acadar a máxima concorrencia da cidadanía na acción pública do Concello. Nun plano máis específico, no seu arrinque fíxose saber que o seu obxectivo era recoller tanto as propostas que se fagan e debatan nos encontros e asembleas das asociacións e nos locais socioculturais como as que se rexistren no apartado en liña de propostas. A plataforma Compostela Decide abrangue entre outras cousas un rexistro en liña (para propoñer investimentos e, máis adiante, “dar prioridade ás iniciativas que a cidadanía considere máis oportunas”) e mailo regulamento que artella o funcionamento dos OP propostos polo actual Goberno local e o equipo técnico. Ademais, decide.santiagodecompostela.gal permite acceder ás propostas que a persoa usuaria seleccione, polo que pode facer un seguimento das mesmas. Por outra banda, cando unha persoa emite a súa escolla xérase un código QR.
A plataforma dos Orzamentos Participativos de Santiago acada os 2.785 participantes
Compartir Este Artigo

