
Na reunión tamén estiveron presentes representantes das empresas e centros participantes no consorcio formado para o desenvolvemento do proxecto, como Prosegur, Avansig, Aeromedia e Gradiant.
Os desenvolvementos executados na iniciativa resultaron ser todo un éxito, xa que, segundo informou ou CITIC, as tecnoloxías desenvolvidas en SINDA están a incorporarse a outros proxectos en ámbitos tan diversos como a robótica, a industria 4.0 ou a loxística.
Por certo que a auditoría celebrada no CITIC tivo unha exhaustiva demostración previa no centro loxístico de Prosegur no Polígono da Grela, o 11 de xullo. Nesta sesión despregouse unha frota formada por tres drones intelixentes que navegan de forma autónoma en interiores. O feito de achegar plena operatividade en espazos pechados é un dos grandes elementos innovadores dos equipamentos desenvolvidos ao abeiro de SINDA. Segundo explican dende Avansig, ata o de agora as aplicacións de UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés) estiveran sempre restrinxidas a espazos exteriores, apoiándose na conectividade co Sistema de Posicionamento Global, GPS, determinando o propio drone o seu emprazamento exacto a través da comunicación con polo menos tres satélites da rede. Porén, en interiores este sinal non existe ou é moi feble. “Por esta razón”, engaden dende a empresa galega, “a navegación en interiores de UAV foi o principal reto tecnolóxico ao que se deu solución, desenvolvendo un sistema de navegación baseado en visión 3D”.
Respecto ás probas realizadas, foron en palabras dos seus responsables “todo un éxito”. Nun plano máis detallado, os drones realizaron rutas de vixilancia “de forma completamente autónoma”, cambiando de estancias, xerando o modelo 3D da contorna, detectando e evitando obstáculos en tempo real e enviando á súa vez os datos recolleitos en tempo real á aplicación de control. Ademais, ao rematar cada roteiro aterraron con precisión nas súas respectivas bases. Por certo que unha das bases estaba equipada cun sistema de carga autónoma para recargar as baterías do drone e reiniciar o servizo.
Como dixemos, SINDA (Sistema de Seguridade en Interiores con Drones Autónomos Baseados en Visión Artificial 3D) foi un proxecto de I+D+i desenvolvido no marco do programa FEDER Innterconecta 2015 (proxecto ITC-20151329) e financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
O consorcio do Proxecto SINDA, formado polas empresas Prosegur SIS, Aeromedia UAV, EGATEL e Avansig e os centros tecnolóxicos CITIC e Gradiant, desenvolveu un sistema de vixilancia en interiores baseado en drones autónomos, de pequenas dimensións, con capacidade para realizar roldas de vixilancia no interior de edificios e infraestruturas “de maneira totalmente desatendida”.
O proxecto SINDA pechou con éxito na Coruña
Compartir Este Artigo

