A finais do mes pasado o Concello de Ourense subiu un chanzo en materia de participación cidadá a través das TIC, e fíxoo coa presentación súa Sede Electrónica. A plataforma, desenvolvida pola firma galega Imatia, xa está operativa achegando aos veciños un amplo abano de servizos, boa parte deles co nexo común de facerlles as tramitacións e as comunicacións máis doadas (sen necesidade de desprazamentos). O obxectivo da sede virtual non é outro que “ser a versión do Concello en Internet”.
Segundo nos lembra Imatia, nela atoparemos seccións públicas e outras que requiren identificación (con DNIe ou con calquera outro dos certificados electrónicos admitidos). Entre as seccións principais atópanse as seguintes: o catálogo de procedementos (con información sobre os servizos ofrecidos polo Concello, divididos por áreas), a consulta de expedientes (para comprobar en que estado se atopan os trámites xa iniciados polo cidadán), o pago en liña de recibos ou a solicitude de documentos oficiais, como os relacionados co padrón de habitantes.
Imatia tamén fai fincapé na posta a disposición pública de todo tipo de normativas municipais, información sobre retribucións económicas a cargos públicos e partidos políticos, e a posibilidade de comunicar reclamacións e incidencias á Administración. Outras funcionalidades incluídas na Sede Electrónica están relacionadas co mundo empresarial, como o perfil do contratante ou a xestión de facturas electrónicas.
Respecto do nivel de operatividade, a plataforma irá incrementando trámites co paso do tempo, centrándose polo de agora nunha parte dos procedementos que por tradición se viñan realizando de maneira presencial.
Ourense estreou este verán Sede Electrónica de seu
Compartir Este Artigo

