Investigadores galegos están a participar nunha nova iniciativa de longo alcance que busca asentar os alicerces para potenciar o emprego da tecnoloxía robótica nos viñedos españois. No proxecto intégranse 15 entidades participantes (centros de investigación, adegas, empresas tecnolóxicas, asociacións empresariais, denominacións de orixe, etc), entre os que se contan o Grupo de Viticultura da MBG (con sede en Pontevedra e dirixido por Carmen Martínez Rodríguez) e o Grupo de Percepción Artificial do Centro de Automática e Robótica, ambos dependentes do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Estas entidades participantes xuntan forzas no grupo supra-autonómico ROBODRONVI. Amais do devandito grupo de Pontevedra, tamén están presentes (pola nosa terra) a adega Terras Gauda, a USC, a Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados (AGASINT), a Denominación de Orixe Rías Baixas e as firmas Seresco e 3Edata.
Máis en detalle, o proxecto Aplicacións e uso de Robótica no manexo do Viñedo (acrónimo de ROBODRONVI) está subvencionado polo MAPAMA (Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e é un grupo operativo supra-autonómico que nace co obxectivo de impulsar a aplicación da robótica (aérea e terrestre) como ferramenta que facilite a toma de decisións operativas nas explotacións vitícolas por parte de viticultores e técnicos. Segundo informa o CSIC dende Santiago, co devandito labor de innovación preténdese “mellorar a competitividade, rendibilidade e sustentabilidade do sector vitivinícola español”.
O traballo do grupo desenvolverase ata novembro de 2017. Arrincou cun exame pormenorizado e conxunto do estado actual das devanditas tecnoloxías. Unha vez rematado o diagnóstico, tomaranse as “decisións estratéxicas” oportunas para dar forma definitiva ao proxecto. A aplicación do mesmo, a partir do ano vindeiro, posibilitará ante todo o seguinte: o traballo real de trebellos robóticos nas explotacións, tanto a pé de viñedo como dende o ar (drones).
Segundo informa o CSIC, o roteiro a seguir non é só contribuír a mellorar as explotación, senón as posibilidades mesmas da intelixencia artificial de uso potencial nestas explotacións. “Como resultado deste proxecto”, explícase, “poderanse minimizar os inconvenientes que presenta a día de hoxe o uso destes prototipos de robots para uso terrestre e aéreo en viñedo, entre os que se poden citar a súa escasa flexibilidade, eficiencia e robustez e o seu alto custo operativo”.
A iniciativa tamén se dirixe a resolve a adaptación real destes sistemas robotizados ao eido dos viñedos con distintos sistemas de cultivo, así como minimizar o seu impacto ambiental, mellorar a calidade e sanidade da vendima e incrementar a rendibilidade da produción nos viñedos nos que se implementen.
Os socios do grupo
· Robotnik Automation, líder do consorcio.
· Catro adegas de distintas zonas vitícolas españolas: Bodegas Matarromera (Castela-León), Puerto Fino-Grupo Luis Caballero (Andalucía), Viticultores Heroicos Asturianos (Principado de Asturias) e Adegas Terrras Gauda (Galicia).
· Dúas empresas vinculadas ao subsector de novas tecnoloxías con aplicación en viticultura: Seresco e 3Edata Enxeñaría Ambiental.
· O CSIC, a través de dous grupos de investigación de dous centros de excelencia: Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia e Grupo de Percepción Artificial do Centro de Automática e Robótica (centro mixto coa Universidade Autónoma de Madrid).
· A Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía.
· Dúas asociacións: Plataforma Tecnolóxica do Viño e Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados.
· Dúas denominacións de Orixe: Jerez-Xeres-Xherry e Rias Baixas.
· Unha PEME: Vara y Pulgar, especializada no asesoramento vitícola sobre pragas e doenzas da vide colaboradora co Departamento de Sanidade Vexetal da Xunta de Andalucía.
Investigadores galegos impulsarán a integración da robótica terrestre e aérea nos viñedos
Compartir Este Artigo

