
A tese, titulada Percorrendo e observando paisaxes dixitais: unha aproximación á análise arqueolóxica con Tecnoloxías da Información Xeográfica, defendeuse recentemente na Universidade de Xaén, no marco do Programa de Doutoramento Interuniversitario de Arqueoloxía Espacial no que tamén participan as Universidades de Granada, Estremadura, Zaragoza e o CSIC, e onde obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude.
Segundo o propio autor da tese, esta nace coa vontade de suplir as eivas actuais da aplicación de tecnoloxías da información xeográfica á arqueoloxía, como por exemplo o uso mecánico das mesmas que non se adaptan ás problemáticas a resolver. Nesta investigación proponse “un uso máis crítico destas tecnoloxías” e afóndase no seu potencial para desenvolver novas representacións dixitais encamiñadas a “preguntas de investigación concretas”. Polo tanto, achegouse unha finalidade dupla: desenvolver un aparello analítico novo para analizar paisaxes arqueolóxicas (dous xeitos básicos dos humanos para relacionarse coa súa contorna: a mobilidade e a percepción visual) e aplicación desta proposta a casos de estudo específicos para confirmar a súa viabilidade e uso de cara a descubrir aspectos novos de fenómenos como a cultura castrexa ou a rede camiñeira antiga de Galicia.
En todos os casos de aplicación práctica os traballos incluíron o modelado dixital da percepción e da mobilidade na paisaxe, utilizando para iso as devanditas tecnoloxías de información xeográfica. “Non se pretende reconstruír paisaxes antigas nin representar escenografías, senón aproximarse á lóxica e estrutura da paisaxe”, explica Pastor Fábrega.
Logo das tarefas realizadas nas ditas contornas da nosa xeografía, o seguinte paso agora é abrir liñas de investigación que avancen nunha arqueoloxía onde as tecnoloxías dixitais “axuden a analizar a relación entre a construción da paisaxe e as súas implicacións sociais”, avanza César Parcero, director da tese, quen salienta que “a revolución nas TIC achega á arqueoloxía a posibilidade de realizar cálculos masivos que permiten simular e modelar diferentes escenarios sobre o que aconteceu no pasado e facer cálculos estatísticos fiables sobre cal foi o máis probable”.
O INCIPIT aproxímanos á realidade das paisaxes arqueolóxicas pola vía dixital
Compartir Este Artigo

