
A de Ordes é unha das 81 das superficies empresariais de toda Galicia que se están a beneficiar do Plan de Banda Larga 2020, impulsado pola Xunta, a través da dita axencia e a operadora de cable galega. Segundo informa AMTEGA, dende 2016 xa se activou este servizo en 14 parques empresariais da provincia. A previsión que ao remate de 2017 sexan abranguidos na iniciativa outros 4 polígonos.
En definitiva, todos estes traballos significan, en termos concretos, que máis de 30 empresas ordenses e as dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Segundo engaden AMTEGA e R, as dotacións fornecidas nestes complexos permitirán ás empresas emprazadas neles “acadar megavelocidades de acceso á Rede” e “tirar o máximo proveito dos servizos tecnolóxicos de valor engadido”.
A axencia e máis a empresa galega de telecomunicacións tamén coinciden en sinalar, a respecto destes traballos, que estes equipamentos “son a día de hoxe necesarios para, entre outras cousas, incrementar a competitividade das nosas empresas”.
Nun plano máis concreto, os accesos ultrarrápidos poñen ao alcance das nosas industrias servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a cousas como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explica a compañía de raizame galega, “son posibles grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Estas solucións, engade a compañía, intégranse en centros de datos profesionais, “coma se formasen parte da rede local da empresa”.
Prazos e orzamento
Nestes intres, 34 dos 81 recintos empresariais das catro provincias galegas incluídos no Plan contan xa con redes ultrarrápidas e, segundo as previsións de AMTEGA, outros 13 farano ao longo de 2017 e 34 máis en 2018. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, subvenciona estes despregues cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que, segundo informa, “xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros”. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
As empresas do polígono de Ordes dispoñen de acceso á Rede de ata 350 Mbps
Compartir Este Artigo

