
Segundo informa a Deputación, trátase da sétima ocasión na que o Goberno provincial organiza un encontro cos actores do mundo local, para abordar temas de actualidade e dar resposta ás demandas dos 67 municipios da provincia.
Fernández Queipo subliñou que “somos conscientes de que nos últimos anos a transparencia e o acceso á información pública son dúas cuestións que cobraron especial relevancia; por iso queremos dar un paso adiante na comprensión destes momentos de cambio e ofrecer respostas aos entes locais, que lles permitan adecuarse a nova Lei de transparencia”. Esta Lei, dixo, “facilita sen dúbidas achegar o día a día da Administración aos cidadáns”.
Ao longo do xornada fíxose fincapé nas normativas de transparencia e a protección de datos persoais en liña; así como a publicidade activa nas entidades locais, e o dereito de acceso á información pública. Por último, analizouse a normativa de transparencia e o acceso dos concelleiros á información municipal.
Para abordar todos estes temas contouse coa participación de dous expertos de recoñecido prestixio: Emilio Guichot Reina, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla, e especialista en dereito da comunicación, protección de datos e transparencia, que foi o encargado de coordinar o encontro. Tamén participou Oriol Mir Puigpelat, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, autor dunha manchea de investigacións sobre a devandita materia, que impartiu dous relatorios ao longo da tarde.
Nova Lei de Transparencia
Segundo fai saber a Deputación de Lugo, a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno ten por obxecto ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, regular e garantir o dereito de acceso á información relativa a aquela actividade e establecer as obrigacións de bo goberno que deben cumprir os responsables públicos así como as consecuencias derivadas do seu incumprimento.
A Lei establece ademais as obrigas de publicación que atinxen ás entidades públicas para garantir a transparencia na súa actividade e regula o dereito de acceso dos cidadáns á información pública. “Esta normativa supuxo un cambio favorable e un paso adiante para lograr facer da Administración un sector máis transparente e controlado”, explica a entidade provincial que preside Darío Campos.
A Deputación de Lugo xuntou preto de cen participantes nas súas xornadas de transparencia
Compartir Este Artigo

