
A xornada contará cunha introdución do xestor de Innovación da Cámara, Anselmo Díaz, que fará unha presentación de TICCámaras, un programa de axudas para PEME e autónomos que fornece de solucións para mellorar a competitividade das empresas a través da incorporación de novas tecnoloxías.
A conferencia central da xornada estará impartida polas consultoras da empresa Invbit de deseño e desenvolvemento de software, Elena Díaz e Cristina Varela. Na súa exposición, farán unha introdución ao conxunto de accións que as empresas poden facer en internet para darse a coñecer, xerar clientes potenciais e mesmo vendas online. Asemade, debullarán os pasos a dar desde a análise inicial do proxecto á creación dunha web adaptada ás necesidades da marca e as diversas promocións coas que se poden alcanzar aos usuarios.
Elena Díaz define desta maneira algunhas das principais vantaxes de estarmos na Rede: “Vivimos nunha era cada vez máis dixital, e isto nótase no proceso de busca de información previo á compra ou contratación dun produto ou servizo. Se precisamos un fontaneiro ou un carpinteiro buscaremos cales están más preto e as súas tarifas, ou se estamos viaxando e queremos pasar a noite nun hotel seguramente nos declinemos polo que teña mellores fotos subidas e opinións. Toda empresa que o consumidor poida buscar en internet ten posibilidades para desenvolver o seu negocio neste medio”.
Díaz e Varela analizarán tamén a eficacia das campañas publicitarias en Adwords e en redes sociais. As consultoras indican que estas campañas “adoitan dar bos resultados en pouco tempo e ofrecen variedade de posibilidades de formatos de anuncio en función dos obxectivos desexados”.
Todo o que quixemos saber da mercadotecnia dixital, nunha xornada de balde da Cámara de Santiago
Compartir Este Artigo

