A Asociación Cultural Chuza! vén de darnos a coñecer o remate da fase beta do seu novo proxecto web, AXaneira.gal, unha páxina sobre actividades e eventos con vontade de abranguer non só aos internautas residentes na nosa terra senón tamén a todas as comunidades galegas na diáspora. Segundo informan os seus creadores, “tratase dunha web colaborativa, na que os usuarios poden engadir os seus propios eventos, incluíndo datos como data, hora e a localización exacta”. Por outra banda, poden tamén subscribirse a determinadas canles, “de maneira que reciban notificacións no correo electrónico dos eventos nos que teñan interese”.
Un dos obxectivos é que cada centro galego ou cidade teña unha categoría de seu, con vistas a facer máis doado que os usuarios atopen de contado a información requirida.
A nova web ten tamén contas nas redes sociais Facebook e Twitter, aínda que a adición de eventos realízase de maneira exclusiva a través da páxina web.
Por outra banda, Chuza! tamén comunica o seu cese de actividade como asociación, “debido sobre todo aos problemas legais derivados dos últimos trocos nas lexislación española”. Porén, a comunidade tamén fai saber que os servizos de Chuza.gal, OQue.gal e AXaneira.gal fican garantidos e a súa xestión realizarase fóra de territorio do estado español.
Chuza! lanza unha web de eventos que xunta comunidades galegas no mundo: AXaneira.gal
Compartir Este Artigo

