BBVA vén de dar a coñecer a posta en marcha, para os seus clientes, dunha nova funcionalidade que lles permite enviar diñeiro de móbil a móbil con “totais garantías de seguridade” e co engadido extra de non ser preciso que teñan activa a aplicación da entidade, dispoñible para iOS e Android. Os envíos, máis polo miúdo, canalizaranse a través dos chatbots de BBVA en aplicacións de mensaxes instantáneas como Facebook Messenger ou Telegram. Por outra banda, para os usuarios de iOS, as operacións poderán desenvolverse a través do asistente de voz Siri.
A entidade lembra que a súa funcionalidade Chatbot é un robot baseado en intelixencia artificial que é quen de “conversar” coa xente nas ditas ferramentas de mensaxes, amais de evolucionar. Así, “o que nun principio permitía acceder á operativa básica, como as consultas de saldos ou a localización dos caixeiros máis próximos, agora tamén serve para o envío de diñeiro”, sinalou o grupo bancario.
Este lanzamento compleméntase coas posibilidades do servizo Cashup, lanzado en maio para facilitar a achega de cartos a calquera contacto da axenda do cliente sen saír da aplicación de mensaxes instantáneas (Whatsapp, Telegram, Hangouts ou Messenger).
Ademais, ás devanditas melloras únese a presentadas os días pasados na compaña de Samsung: un servizo de recoñecemento biométrico por iris destinado a facilitar e axilizar os procesos dos usuarios da banca ao mesmo tempo que se incrementa a seguridade.
BBVA posibilita enviar diñeiro a outros móbiles a través da voz e vía chatbots
Compartir Este Artigo

