Hai máis dunha década que as entidades de xestión de dereitos de autor están a enfrontarse á páxina web de intercambio de arquivos a través de redes P2P Sharemula, e aínda que en 2008 as actuacións sobreséranse por non considerarse delito a actividade da páxina web denunciada, finalmente a sección número 28 da Audiencia Provincial de Madrid condenou á administradora de Sharemula, Silvia Martínez Ramírez, a indemnizar a Promusicae e as principais discográficas españolas con 2.354.350 euros pola comunicación pública, sen autorización algunha por parte dos titulares dos dereitos, de centos de milleiros de cancións protexidas.
Esta sentenza, contra a que aínda cabe recurso ante a Sala do Civil do Tribunal Supremo, rectifica dúas resolucións anteriores, a mencionada pola vía penal, e outra en primeira instancia civil, na que absolveran á páxina web, que agora tamén terá que facer fronte ao pagamento de 31.406 euros polos gastos de investigación incorridos durante o procedemento.
A compensación calculouse en función dun informe pericial que certificou que a través de Sharemula efectuáronse un total de 429.626 descargas de material protexido entre xaneiro de 2009 e marzo de 2011. A páxina web en cuestión xa deixara de operar en maio de 2011.
Aínda que dende Promusicae láianse do feito de non ter conseguido unha sentenza condenatoria antes, cómpre salientar que este adiamento é directamente culpa da súa estratexia para atallar as descargas a través da Internet, xa que recorreron á vía penal (na que xa existían numerosas sentenzas confirmando que o P2P non é delito) en vez de acudir á vía civil, a que facilitaba un resarcimento dos danos causados.
Condenan a Sharemula a pagar 2,3 millóns de euros por piratería musical
Compartir Este Artigo
