A Deputación de Pontevedra vai estreitar dous ámbitos que, na súa confluencia, poden achegar melloras importantes no servizo do oso sector turístico: o eido das novas tecnoloxías e o eido do turismo termal da provincia. Máis polo miúdo, a entidade que preside Carmela Silva anunciou hoxe que instalará en media ducia de vilas termais paneis con códigos QR. O obxectivo? Incrementar ao máximo a experiencia informativa.
As vilas beneficiadas serán Mondariz Balneario, Catoira, Ponte Caldelas, Cuntis, Caldas de Reis, O Grove e Vila de Cruces. A iniciativa é unha das actividades previstas no Plan Estratéxico de Turismo. En detalle, a través dela instalaranse nas ditas localidades paneis en tamaño A3 con códigos QR con información descargable en smartphones e tabletas, incluíndo texto e audios en galego, castelán e inglés.
A actuación nace dun encontro mantido entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os concellos termais no pasado mes de decembro, para avanzar na promoción dos seus recursos. Nesta xuntanza abordouse a promoción dende unha perspectiva integral, contemplando tamén a importancia dos espazos históricos, naturais, culturais e paisaxísticos vinculados ao termalismo.
Cos novos paneis, que se instalarán a petición dos propios concellos nos espazos que consideren máis axeitados para a súa consulta, a intención é “mellorar os contidos que se achegan ás persoas turistas e visitantes de cada unha destas sete localidades, brindándoselles a posibilidade de obter información sobre todo o potencial histórico, cultural, natural, gastronómico e paisaxístico destes municipios e das súas respectivas contornas”.
Xunto aos paneis informativos, que se instalarán esta semana poranse en marcha, tamén, accións de promoción online marcadas dentro do Plan estratéxico de turismo Rías Baixas.
A Deputación de Pontevedra instalará paneis con códigos QR en sete vilas termais
Compartir Este Artigo

