COGAMI, a confederación galega de persoas con diversidades funcionais e cognitivas, vén de facer balance da actividade de impulso laboral despregada en colaboración coa Fundación Vodafone España. Segundo fai saber a entidade, un total de 104 membros da mesma conseguiron inserirse no mercado de traballo tras participar no programa Participa coa Dis-Capacidade, proxecto de COGAMI e a dita fundación dirixido (entre outras cousas) a tirar proveito das novas tecnoloxías para potenciar os importantes e variados talentos das persoas que están á procura dun emprego.
O programa, que se desenvolveu ao longo de 2017 e rematou en decembro, saldouse, en palabras de COGAMI, “cuns resultados que superaron todas as expectativas marcadas pola área de emprego da confederación con respecto ao número de insercións”, unhas expectativas que tiña como obxectivo acadar un 49% de ocupación laboral das 150 persoas participantes. Ao cabo, o resultado final foi amplamente superado, xa que o 69% dos asistentes ás actividades están traballando arestora: 22 en A Coruña, 11 en Ferrol, 9 en Lugo, 12 en Ourense, 10 en Pontevedra, 18 en Santiago e 22 en Vigo.
Segundo o lugar de procedencia, 24 dos participantes procedían de A Coruña, outras 24 de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 estaban en Vigo.
O programa contou co importante labor de sete orientadores laborais, cada un deles despregando tarefas de formación, asesoramento e motivación nas sedes de COGAMI nas principais cidades galegas. A iniciativa, amais de asesoramento, tamén ofreceu información, formación e capacitación en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) baseadas en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co “propósito de facilitar a súa comprensión e poder darlles uso para a busca de emprego e, finalmente, poder acceder ao mercado laboral”.
Dende o servizo e mediación laboral de COGAMI, tras analizar as necesidades máis demandadas polas persoas participantes, impartiron 8 cursos sobre competencias informáticas nos que participaron 65 persoas e desenvolveron 7 obradoiros sobre redes sociais que contaron coa asistencia de 70 persoas. Tamén se realizaron 15 círculos de emprego para compartir experiencias e impartiuse formación sobre as ferramentas informáticas (aplicacións móbiles) dirixidas a facilitar a procura dun posto de traballo.
Outra das xestións realizadas polos orientadores laborais foi a posibilidade de realizar prácticas en empresas ás que asistiron 35 persoas e asesoraron na elaboración dun currículo 2.0 ou audiovisual dende a preparación do guión ata a presentación da súa gravación. Entre os piares fundamentais do programa tamén se incluíron visitas a diferentes empresas para levar a cabo labores de sensibilización cara á diversidade, informando sobre as bonificacións e os incentivos que hai na contratación dunha persoa destas características e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 259 empresas novas, fíxose seguimento a 455 empresas coas que xa se mantén o contacto. Tras realizar estas xestións co empresariado galego, finalmente abríronse un total 620 ofertas de emprego.
COGAMI e a Fundación Vodafone lograron a inserción laboral de máis dun centenar de persoas
Compartir Este Artigo
