A Fundación TIC da Deputación de Lugo segue a achegar o seu apoio ás entidades formativas da provincia. Neste senso, e no de contribuír a espertar vocacións creativas entre a mocidade, a Fundación anunciou que transmitirá novamente, en directo, o Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana, que este ano se adianta ao 19 de xaneiro. A cita, que celebra a súa sétima edición, está organizada polos alumnos de Administración e Xestión do centro lucense, coa axuda da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e o departamento de Informática do CIFP Politécnico de Lugo. No encontro, dez alumnas e alumnos de segundo curso de Realización Audiovisual da Escola da TIC, baixo a supervisión dun docente, encargaranse da transmisión en streaming.
Segundo informa a Deputación, os estudantes rotarán entre os postos de realizador, mesturador, técnico de son e cámara, “permitindo así que todas e todos teñan as mesmas oportunidades de aprendizaxe”. A entidade que preside Darío Campos tamén explica que esta cita do 19 será a primeira experiencia cunha práctica fóra das instalacións da Escola este ano. Poderán repetir esta oportunidade no Campionato Internacional de Baristas que se celebra dentro dun mes en Foz.
Probas tipo test
Alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo daranse cita ás 11.00 horas no salón de actos do IES Muralla Romana.Ao longo de toda a mañá terán lugar distintas probas eliminatorias ás que se enfrontarán os equipos. Os alumnos someteranse en cada unha delas a dez preguntas tipo test elaboradas por profesores das distintas áreas do instituto anfitrión. Ao finalizar o certame, terá lugar a entrega de premios aos centros que se sitúen en mellor posición.
Onde se pode ver en directo
Como lembraremos, a Fundación TIC e o IES Muralla Romana teñen asinado un convenio co que se promoven as ensinanzas do instituto lucense á vez que se complementa a formación dos estudantes da EIS. Con este acordo, levarase a cabo a emisión en directo da cita, que se poderá seguir premendo sobre o banner que aparecerá nas webs da TIC (www.fundaciontic.org) e do IES Muralla Romana (www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana). Unha vez finalizada a competición, os estudantes de Realización editarán un DVD co material gravado co fin de contribuír á difusión á actividade.
O alumnado da Fundación TIC transmitirá en streaming o novo certame Lucus Intercentros
Compartir Este Artigo

