Vodafone vén de dar importantes pasos en materia de Intelixencia Artificial para os seus servizos de telecomunicación e, en última instancia, mellorar a experiencia dos usuarios con melloras smart como, por exemplo, incrementar a velocidade de descarga a través dunha mellor xestión do tráfico. Este tipo de actualizacións, posibles grazas a tecnoloxías como o Machine Learning, teñen (en boa medida) a súa orixe en territorio español, a través do Centro de Excelencia de Rede de Vodafone desenvolvido conxuntamente coas compañías Ericsson e Huawei. Precisamente veñen de abrollar do Centro uns algoritmos de Intelixencia Artificial (AI polas súas siglas en inglés) que posibilitarán que a rede móbil da operadora sexa quen de elixir, de maneira automática e continua, a mellor alternativa para que os usuarios teñan o mellor servizo. Grazas a estes algoritmos, de xeito parello, reducirase o número de chamadas caídas.
Segundo lembra Vodafone, os algoritmos son recursos de Machine Learning e, polo tanto, están dotados da capacidade de aprender automaticamente dos erros e dos acertos. En base a isto, poderán extraer claves dos niveis de sinal asociados ás distintas frecuencias, sabendo cales son as mellores combinacións para cada conexión. Con estes recursos, a operadora quere converterse en “pioneira a nivel mundial en redes de AI”, impulsando infraestruturas de seu con capacidade para facer predicións e anticiparse aos problemas eliminándoos e optimizando a asignación de recursos.
En termos máis concretos, os ditos algoritmos serán quen de elixir cal é a mellor cela para asignar a cada usuario coa particularidade de que o terminal non terá que medir o nivel de sinal que recibe da rede. Isto permite duplicar a rapidez e maximizar a eficiencia no balance de carga de tráfico entre celas próximas, no traspaso de chamadas dunha cela a outra, e na elección das mellores frecuencias para o uso de agregación de frecuencias.
Vodafone botará man de algoritmos para evitar chamadas caídas e aumentar velocidades de descarga
Compartir Este Artigo


