A Deputación de Ourense comezou o ano disposta a incrementar e ampliar o seu nivel de transparencia (coa incorporación de Fernando Suárez) e, tamén, a súa presenza nas redes sociais. Hoxe mesmo, a entidade provincial lembrou que a institución ourensá e o seu presidente, Manuel Baltar, arrincaron 2018 “liderando a comunicación na rede social Twitter” a nivel estatal. De feito, ocupa o primeiro posto logo de Valladolid, Xaén e Barcelona, nunha listaxe na que figuran 45 gobernos provinciais e en relación á suma total dos apartados de publicacións, porcentaxe de chíos propios, compromiso e relación cos usuarios desta rede social (engagement).
A Deputación sinala tamén que Manuel Baltar lidera a comunicación en Twitter (número de chíos e engagement, impacto social e impacto medio por chío) por diante dos seus homólogos das deputacións de Málaga, Alacante, Castelló e Guipúzcoa, nunha listaxe de 32 presidentes provinciais. Segundo informa a Deputación, esta circunstancia dáse sobre todo “polas iniciativas de promoción da innovación, transparencia, interactividade cos cidadáns e goberno aberto”.
Manuel Baltar afirma que este liderado é consecuencia das políticas de “máxima interacción cidadá e cos gobernos locais da provincia” por parte da Deputación de Ourense, e de manter “un constante compromiso por compartir toda a información que a lei permite, a través das canles máis eficaces, con iniciativas innovadoras de goberno aberto”, reafirmándose na necesidade “de seguir aspirando ao máximo da transparencia, para render contas permanentemente diante dos veciños da provincia”.
A Deputación de Ourense, líder en Twitter
Compartir Este Artigo

