Entre as iniciativas presentadas na pasada edición de FITUR que nos collen de preto atopábase un proxecto innovador que converterá a nosa terra nun destino accesible e favorable para todas as persoas que decidan visitar Galicia, teñan as características motrices e funcionais que teñan. O proxecto foi dado a coñecer pola confederación galega COGAMI e a empresa Equalitas Vitae, e consiste nun traballo conxunto con vertentes turísticas, tecnolóxicas, culturais, hostaleiras, gastronómicas e, por suposto, inclusivas. Ao abeiro da iniciativa, impulsada polas dúas ditas entidades, COGAMI realizará estudos para diagnosticar as condicións de accesibilidade no aloxamentos e oferta turística e cultural con propostas de melloras nos casos nos que existan carencias nesta materia.
Segundo fixo saber o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o proxecto é de gran importancia para todos os colectivos, e máis se tempos en conta “a importancia do lecer, un elemento básico na nosa vida cotiá, amais dun dereito e un factor de inclusión social, polo que temos que acceder en igualdade de condicións ao goce do turismo”.
Equalitas Vitae, pola súa banda, axudará na promoción e na visibilidade dos destinos que cumpran cuns requisitos de accesibilidade establecidos e que garantan un servizo turístico de calidade para clientela con necesidades especiais. Ditos recursos aparecerán promovidos na páxina web www.equalitasvitae.com, portal referente en promoción do turismo accesible, e máis na aplicación móbil Turismo accesible, operativa para Android e IOS.
Durante a presentación, que contou coa presenza do xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, tamén se anunciou que aqueles establecementos que cumpran coas condicións de accesibilidade establecidas van recibir un Distintivo de Accesibilidade, #Galiciaaccesible, un certificado que garanta un nivel de accesibilidade que testemuña que as instalacións son aptas para persoas con discapacidade. “Con esta iniciativa”, fíxose saber na cita en FITUR, “trátase de incentivar ás empresas ou entidades turísticas que traballan en iniciativas de turismo inclusivo e dálas a coñecer dentro do colectivo de persoas con diversidades funcionais”.
COGAMI e Equalitas Vitae amosarán nos móbiles os destinos galegos accesibles
Compartir Este Artigo

