
En total, a Deputación repartirá 75.000 euros en premios, co obxectivo de “recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento económico da provincia”.
A entidade provincial, a conto de facer balance da presente edición, sinalou que a participación na mesma xa superou as cifras do ano pasado, cando se presentaron 70 candidaturas, entre as que resultaron gañadoras a pontesa EVASA e a startup compostelá E-monte.
A maioría das empresas que aspiran ao II Premio PEL teñen o seu domicilio no concello da Coruña (28), seguido por Santiago de Compostela (12), Ferrol (6), Ames (5), Bergondo (5), As Pontes (3), Oleiros (2), Culleredo (2), Noia (2), Ordes (2), Sada (1), Narón (1), San Sadurniño (1), Cambre (1), Paderne (1), Cerceda (1), Cedeira (1), A Pobra do Caramiñal (1), Miño (1), Valdoviño (1) e Cee (1).
Os ámbitos de actividade das empresas son moi variados, destacando ás adicadas ás novas tecnoloxías da información e a programación informático, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio online e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.
Os gañadores do II Premio daranse a coñecer no mes de marzo, nun acto que presentará como novidade a habilitación dun espazo de networking, no que todas as empresas candidatas poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos, e aquelas que así o desexen disporán do seu propio stand informativo.
A elección dos gañadores dependerá dun xurado formado por especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa, como representantes das Cámaras de Comercio e das Universidades da provincia, “personalidades con dilata experiencia empresarial e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses”, explica a Deputación.
Entre os criterios que se terán en conta para a concesión dos galardóns atópanse “a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de networking ou a implantación de medidas de Responsabilidade Social Corporativa, entre outros”.
Gran presenza das TIC entre as 78 firmas que optan aos premios empresariais da Deputación da Coruña
Compartir Este Artigo

