A chegada de Windows 10 S resultou un tanto confusa, xa que esta versión do sistema operativo de Microsoft que só permite a instalación de aplicacións da tenda oficial do sistema, fornecendo así a seguridade do sistema, viña preinstalada nalgúns equipos coa posibilidade de migrar temporalmente a unha versión de Windows normal. Temos así que se daba o caso de usuarios que rexeitaban esta versión de Windows 10 e incluso chegaban a devolver o seu novo equipo por mor da mesma (ignorantes de que podían transformar a instalación nunha ordinaria) e, por outra banda, había outros usuarios que desexaban un Windows máis seguro e non sabían como facerse con Windows 10 S.
Pero esta situación de confusión parece que vai solucionarse pola vía do medio, e segundo vén de filtrarse, as versións doméstica, profesional e de empresa de Windows 10 contarán cun Modo S, ou sexa, que calquera versión ordinaria de Windows 10 poderá converterse en Windows 10 S, o que suporía a desaparición de Windows 10 S como un produto independente.
Polo momento non hai información oficial, e descoñécese se dende a versión doméstica haberá que realizar un pagamento adicional para empregar o Modo S (xa que Windows 10 S era equivalente á versión profesional de Windows 10), pero de confirmarse este novo esquema para Windows 10 haberá bastantes consumidores satisfeitos por poder, por exemplo, configurar os equipos destinados a cativos dun xeito máis seguro e estable, podendo manter un maior control sobre os mesmos co mero feito de restrinxir as aplicacións que poden instalarse.
Windows 10 S podería desaparecer para converterse nun Modo S de Windows 10
Compartir Este Artigo
