Microsoft non quere deixar de lado ao sector educativo, e por iso presentou hoxe unha serie de produtos e servizos educativos, incluíndo unha nova experiencia de Windows (Windows 10 S) con novidades como Microsoft Teams (para promover clases colaborativas modernas), novas funcionalidades en Minecraft e en realidade mixta (instando á creatividade) e incluso unha variedade de equipos informáticos portátiles que van dende sistemas básicos para primaria, secundaria e formación profesional ata o atractivo Surface Laptop, máis pensado para o contorno universitario.
Windows 10 S
O novo Windows achegará unha experiencia centrada na seguridade, xa que Windows 10 S só permitirá a instalación de software da tenda de Windows, de xeito que non será posible introducir facilmente malware nos equipos informáticos, o que resulta de grande interese para contornos que se queiran ter controlados.
Windows 10 S poderá empregar a versión completa de Office 365 (coas principais ferramentas de produtividade para o escritorio), optará polo navegador Microsoft Edge para o acceso á web, tirará proveito de Windows Ink pra facilitar a toma de anotacións e, en definitiva, avanzará na liña marcada nos últimos anos, pero chegando a prezos moi axustados, xa que fabricantes como Acer, Asus, Dell, Fujitsu, HP, Samsung e Toshiba ofrecerán novos ordenadores con Windows 10 para Educación con prezos que partirán dos 189 dólares, o que facilitará que Microsoft poida frear o avance de Chrome OS no contorno educativo.
Microsoft Teams nas aulas
Aínda que o Word, o Excel e o PowerPoint xa contan con posibilidades de edición colaborativa, algo moi importante nas aulas, durante este ano incorporarase á Tenda para Educación as novas experiencias para as aulas, e grazas a Microsoft Teams ofrecerán un maior nivel de colaboración entre profesores e alumnos. Con OneNote Class Notebooks, novas tarefas e avaliacións, os profesores poderán distribuír contido, traballos, personalizar a aprendizaxe e comunicarse cos estudantes, os pais e o persoal do colexio.
Teams tamén facilitará aos profesores o emprego de contido rico e atractivo da web, convidar a relatores e empregar solucións de partners de educación como busuu, Canvas, Flipgrid e Kahoot!, á vez que os alumnos desenvolven habilidades de grande interese para o seu futuro profesional.
Para facilitar a chegada destas novidades aos colexios Office 10 S non terá custo para colexios con ordenadores con Windows Pro e Office 365 for Education con Microsoft Teams tamén será de balde.
