O Campus de Pontevedra segue poñéndose serio en materia de recollida de tecnoloxía desbotada, na vía de buscarlle o mellor tratamento. De feito, a sexta Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) permitiu reunir nos diferentes puntos instalados no campus preto dun cento de aparellos e equipamentos (televisores, impresoras, computadoras, monitores, cargadores, etc), aos que se suman unha morea de fíos e compoñentes. Inserida no proxecto Green Campus, a iniciativa levaba a cabo ao longo da pasada semana tiña por obxecto “concienciar á comunidade universitaria da importancia dunha xestión adecuada deste tipo de refugallos”, dado o seu carácter contaminante, así como trasladar, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, os aparatos achegados a un xestor autorizado para o seu tratamento.
Segundo Celso Cancela, director da Área de Planificación, “os resultados son positivos, o que observamos é que é unha iniciativa que vai enraizando cada vez máis entre a comunidade universitaria e que se vai consolidando”. Cancela tamén salientou que a participación, “aínda que con variacións”, abrangueu os oito puntos de recollida instalados, nas cinco facultades e escola do campus, na Casa das Campás, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil. Nese senso, aínda que se tratará de “reforzar” a súa difusión naqueles puntos nos se que rexistrou unha menor participación, Cancela incide no positivo de que “os membros da comunidade universitaria xa tiveran na súa axenda” esta actividade que, ao abeiro do proxecto Green Campus, se desenvolve por terceiro ano no campus e que a finais do presente curso celebrará a súa sétima edición.
A comunidade do Campus de Pontevedra xunta un cento de aparellos en desuso
Compartir Este Artigo

