Estes días fálase moito do senlleiro encontro internacional Mobile World Congress que se está a celebrar en Barcelona e dáse a circunstancia de que moito do que se fala pouco ou nada ten que ver coas tecnoloxías móbiles e coas aplicacións desenvolvidas para facernos a vida máis cómoda e, dende logo, máis conectada. Para romper un pouco esta tónica e meternos no que de verdade importa en relación ao MWC, a tecnoloxía, lembramos que no salón están a mostrar recursos innovadores sete empresas galegas ao abeiro do Pavillón de España (Tecalis Innovación, Disashop, Igalia, Improving Metrics, Quobis Networks, Xesol Innovation e Visual Publinet) e que, ademais, a Universidade de Vigo tamén loce interesantes descubrimentos na xuntanza. Máis polo miúdo os investigadores do Grupo GTI do centro AtlantTIC, encabezados por Felipe Gil.
En concreto, están a amosar no MWC o resultado do seu traballo no proxecto Veo5G: Virtualización eficiente de operadores 5G. Xunto a Gil, Carlos Pérez, Pablo Fondo e Abel Fernández, integran a representación de AtlantTIC no congreso internacional. Segundo lembran, o Grupo GTI leva anos traballando nas redes de comunicación sen fíos e móbiles e, recentemente, centrouse nas tecnoloxías que darán alicerce ás futuras redes de quinta xeración. Con este obxectivo, os investigadores do dito centro vigués están a traballar coas firmas Cellnex e Optare e o centro tecnolóxico Gradiant no marco do proxecto Veo5G, centrado en avanzar nas tecnoloxías que están a redefinir as redes 5G, máis polo miúdo as tecnoloxías que permiten construír redes flexibles e dinámicas.
Segundo explican, “a nosa participación no congreso ten dous obxectivos, establecer un primeiro contacto coas empresas interesadas na tecnoloxía, cara a súa transferencia, e o de aumentar a rede de contactos no plano investigador para seguir avanzando no desenvolvemento a través dun sistema cooperativo”. Os investigadores de AtlantTIC engaden, para quen non o saiba a estas alturas, “que o 5G é a evolución da tecnoloxía actual 4G, empregada nos móbiles para a transmisión de datos, aínda que a súa implantación pretende ir máis aló da telefonía, achegando solucións de conectividade e novos servizos, como poden ser os relacionados co Internet das Cousas, a Industria 4.0 ou o vehículo conectado, permitindo ademais conexións moito máis rápidas”.
Ao longo da semana que dura o Mobile World Congress realizarán demostracións da súa tecnoloxía no stand de Cellnex, nas que mostrarán cousas como a posibilidade real de compartir infraestruturas para varios operadores especializados, ou a adaptación das redes aos requirimentos de usuarios de xeito individual.
AtlantTIC loce no Mobile World Congress os seus avances en 5G
Compartir Este Artigo

