A axencia Reuters dá conta da compra do fabricante de timbres e cámaras de seguridade Ring por parte de Amazon, operación que tería superado os 1.000 millóns de dólares, polo que sería unha das compras máis importantes realizadas pola compañía de Jeff Bezos.
Esta operación ten bastante sentido se temos en conta que dende o outono pasado Amazon ten un servizo chamado Amazon Key co que permite que os seus repartidores poidan deixar pedidos no interior dos fogares aínda que os clientes non estean na casa grazas a un sistema de pechos electrónicos complementados cunha cámara conectada á nube.
Ring é un dos referentes globais no sector dos videoporteiros conectados e as cámaras de seguridade, facendo accesible a tecnoloxía que permite que poidamos responder ao timbre do noso fogar dende calquera lugar a través do noso smartphone, tableta ou ordenador persoal, podendo recibir tamén alertas instantáneas cando se disparen os sensores de movemento, de xeito que temos unha experiencia de uso equivalente a estar sempre na casa. Esta tecnoloxía aproveita a conectividade Wi-Fi que teñamos no fogar, mentres que para a súa alimentación resulta moi versátil, xa que pode operar con cable e con batería.
Amazon merca Ring por máis de mil millóns de dólares
Compartir Este Artigo
